CAMELIAS MASCOTAS

O músico vigués Denis Carballás debuta en solitario con ‘Memoria’

A ninguén se lle escapa que as novas xeracións de músicos vigueses veñen pisando forte desde hai tempo. Un deles é Denis Carballas, cantante e guitarra nos xa desaparecidos Beethoven Rollers e actual guitarrista de The Riggos e Nítido. Este venres 1 de marzo poderemos atopar na plataforma dixital Spotify o seu primeiro traballo en solitario, Memoria, un disco conceptual gravado na súa habitación ao longo destes últimos anos. Nel observamos a súa vertente máis acústica e artesanal.

Denis tocando a guitarra na habitación na que gravou o seu disco | Pablo V.

Por que Memoria?

Son 14 cancións e unha delas, a que máis me gusta, chámase Memoria. Atopei o título unificador nesa canción, que define o concepto de todo o disco: unha viaxe de ida e volta na que recordas todo o anterior. Ademais, iso relaciónase con que eu moitas veces no me lembraba das cancións ao tocalas, polo que a miña falta de memoria e a canción en si dan título ao disco.

Trátase dun disco conceptual?

Si. Nel o protagonista que marcha e volve ao val expón as súas dúbidas existenciais e vitais ao longo de 14 cancións, a modo de lembranzas. Gústanme moito os discos conceptuais. As veces sáeme só o de crear cancións relacionadas, pero neste caso si que se plantexou como unha soa historia. En xeral todo o que escribo é do mesmo universo.

Cóntanos como foi o proceso de gravación do disco. 

Pois comecei fai tres anos a gravar cousas mal gravadas cun micrófono que viña coa mesa de mesturas. Despois volvín gravalas mellor e a facer cancións novas. Ao final dun EP que ía chamarse Lebowski pasou a ser un LP chamado Memoria. A intención era meter todos os arranxos que puidese, pero a medida que fun gravando dinme conta que deste xeito non podería tocalas en directo. En metade do proceso o meu disco duro decidiu deixar de funcionar, e como non tiña copia de seguridade perdín todo. Por sorte un amigo tiña todo o proxecto gardado na súa casa.

Que instrumentos podemos atopar nel?

Guitarra acústica e eléctrica, mandolina, maracas, o armario da miña habitación para facer percusión, baixo, violín, frauta, armónica, moitas voces e moitos coros que non poderei facer en directo, teclados MIDI con samplers, free sounds como ovellas ou paxariños…

A excepción dos violíns, todo o que se escoita neste disco é obra túa. Gústache máis gravar a ti só na túa habitación ou nun estudio con máis xente?

Depende. Na miña habitación estou máis cómodo, fago o que me dá a gana sen darlle explicacións a ninguén. Salvo se quero tocar unha percusión ás 12 da noite, que mátanme na casa.  Nun estudio hai demasiados ollos observándome, sempre sae algo mal e teño que volver a retocalo… Tampouco é que eu estivese en moitos estudios. Pero si, prefiro na casa.


Haberá formato físico deste traballo?

A intención é que si. Estou agardando a que a xente me diga se o queren ter, para non ter que comelos con patacas. Farei unha tirada pequena, de 50 ou 100 discos. Xa estou facendo a maqueta para o CD e se todo vai ben podería estar para finais de marzo. Levará un libreto coas letras das cancións e información de como se gravou.

Para presentar en directo este disco serás ti só acompañado por unha guitarra ou pensaches nalgunha outra cousa?

En principio eu só. Despois igual invito a Carmen Estévez, que tocou o violín en seis cancións do disco. A intención é tocar a maioría do disco, porque hai parte que non se pode tocar en directo cunha soa guitarra. A idea é tocar todo o que poida, que Carmen veña todas as veces que poida e tocar algunhas versións. De momento a presentación será o 29 de marzo en El Contrabajo con Banet, un rapaz de Ourense.

Hoxe en día son moi comúns os crowdfundings para sacar un disco ao mercado. Por que non che decantaches por esta opción?

Dáme medo crear un e que a xente sexa como eu e diga “xa ingresarei os cartos” e despois se lles olvide ou pasen. Dáme moita preguiza todo o tema dos cartos en internet, entón imaxino que todo o mundo é como eu e que o crowdfunding non sairía adiante por esa preguiza. Tamén habería que pensar o das recompensas, pero a única sería o CD, non quero fabricar lapis ou tazas coa miña cara (risos).

Cales foron as túas maiores influencias musicais á hora de gravar este disco?

ois de influencias non me gusta citar a moita xente porque sei que non me parezo a eles nin de lonxe. Pero encántame ler cousas de como os Beatles ou Brian Wilson gravaban no estudio. Podían experimentar todo o que quixesen. Tento facer o mesmo pero a moi pequena escala e na miña habitación. Discos como o Ram de McCartney para min son claves. Deses de guisalo ti mesmo. Logo pois Dylan, Hendrik Röver, Damon Albarn ou Eels, que non poden faltar nunca.

Cos Beethoven Rollers tocabas rock n roll, con The Riggos punk rock e agora en solitario vemos un folk pop máis tranquilo. Onde te atopas máis cómodo?

No trap (risos). Atópome máis cómodo co que estou a facer eu en solitario, porque é o que me sae máis de dentro. Cos Beethoven Rollers tamén era moi cómodo, porque o estilo de música que a min me gusta é máis de improvisar, non de ter todo o concerto preparado. Gústame que haxa unha parte do concerto que sexa en plan “Hei, fixeches isto, imos seguirte todos”. En casa estou máis cómodo porque digo “hei, fixen isto, vou seguirme a min mesmo”.

Na actualidade tamén tocas a guitarra en Nítido. Cando poderemos escoitar novo material?

Aínda non hai data, pero xa lanzamos o título do single, que se chama Fuego transversal. É un tema máis rockeiro do que pode agardar a xente de Nítido. Así que sairá relativamente cedo, é o único que podo dicir porque non sei nada máis. E que o 27 de abril tocaremos na Sala Kominsky.

Cales son os grupos ou artistas locais que máis che gustan?

Gústame moito o que fan The Soul Jacket, os teño como o top de Vigo. Tamén Basanta está no top. Gústanme Óscar Avendaño, Nicolás Pastoriza, Indy Tumbita… moitos.

Como ves a nova escena de músicos vigueses?

REVISTA NOVEMBRO

Agora hai moitos máis músicos que fai 40 anos pero non se lles fai tanto caso como fai 40 anos. Hai un montón de cousas interesantes, pero falta un punto de consolidación nos proxectos e na escena.

Que plans tes para este 2019?

Tocar todo o que poida, xa sexa en solitario, con The Riggos, con Nítido ou con calquera banda que xorda neste tempo.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.