VIALIA
PLAYDOC

O golpe do 36 nos debuxos de Luís Seoane

A Fundación Laxeiro inaugura a exposición titulada 13 estampas da traizón. 80 anos da súa publicación. Un proxecto producido pola Fundación Luís Seoane que poderemos ver en Vigo  ata o 24 de febreiro.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Trece estampas da traizón. 80 anos da súa publicación é un proxecto expositivo que xira ao redor do álbum de debuxos Trece estampas de la traición de Luís Seoane co que o artista galego sinalaba aos responsables do golpe de Estado de 1936 e aos seus cómplices.  A exposición, comisariada por María Antonia Pérez e Silvia Longueira, é unha revisión do contexto histórico, político e cultural do ano 1937, no que se publica o que é o primeiro álbum de debuxos de Luís Seoane.

REVISTA MAIO

A influencia que a obra de grandes representantes das Vangardas Históricas tiveron nesta pequena colección de debuxos realizados por un Seoane novo, que no ano 1937 tiña 27 anos de idade, é un dos aspectos nos que se centra a exposición, grazas a unha selección de volumes cedidos para a ocasión pola Real Academia Galega dos fondos pertencentes á biblioteca persoal do artista.

A guerra vista a través dos ollos dos artistas galegos (Manuel Colmeiro, Castelao ou Arturo Souto) ocupa tamén un lugar especial na mostra. Artigos, textos e obra gráfica ofrecen un retrato da postura dos creadores en Galicia fronte ao conflito e do seu apoio ao goberno lexítimo da República. O proxecto inxírese nunha liña de colaboración entre a Fundación Laxeiro e a Fundación Luís Seoane que fixo posible traer o pasado ano ao artista brasileiro Paulo Brusky e que terá a súa continuidade a finais de ano, cunha exposición na Fundación Luís Seoane, formada por debuxos de Laxeiro e Seoane do período 1930-1950.

Pódese visistar, totalmente de balde, ata o 24 de febreiro nos seguintes horarios: de luns a venres de 18.00 a 21.00, sábados de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 e domingos e festivos de 12.00h a 14.00h.