REVISTA ABRIL

O Galo do Vento abre unha campaña de micromecenado para evitar o peche

O mítico local vigués Galo do Vento, situado na céntrica rúa de San Vicente e famoso polas súas jam sessions e micros abertos, está a piques de pechar as súas portas. A pandemia reduxo drasticamente a súa actividade e os seus ingresos, mais a débeda do aluguer non fixo máis que aumentar. Para evitar a súa desaparición, lanzan unha campaña de micromecenado a través da plataforma Verkami, coa que pretenden alcanzar os 7000€ necesarios.

REVISTA ABRIL
O músico Indy Tumbita tocando no Galo do Vento | D. Carballás

Despois de 21 anos sendo referencia da cultura alternativa local, o Galo do Vento vese agora contra as cordas. Nunha mensaxe publicada polo seu rexente Armando Gómez en Facebook, explicaba que a covid era a principal culpable da precaria situación na que se atopa, debendo varios meses de aluguer. Tampouco axudan, di, as “escandalosas obras do túnel, que son insoportables para os que vivimos e traballamos a pé de Elduayen”. Para evitar o peche deste recinto de culto abriron esta semana unha campaña de micromecenado na plataforma Verkami, onde pretenden alcanzar os 7000€ necesarios para alongar a vida do Galo.

Como explican na propìa páxina: “A situación da pandemia golpeou a este tipo de salas pequenas ao non poder organizar concertos, e o seguir asumindo mes tras mes os custos fixos do alugueiro do local fixo chegar a un ultimato dos arrendadores. Temos que abandonar o local en principio o 5 de setembro, aínda que nos admitiron unha prórroga segundo o progreso da campaña”.

As recompensas para os mecenas van desde a colocación do seu nome ou foto nun muro que se habilitará no local a modo de agradecemento ata concertos privados e cadeiras personalizadas, pasando por vales de 50€, láminas personalizadas, camisetas ou tapas degustación. A campaña estenderase durante algo máis dun mes, e no momento de escribir estas liñas xa alcanzou un 20% da cantidade final. Permaneceremos atentos ao avance da campaña, desexando que o Galo volva cantar.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.