O Galician Freaky Film Festival busca artistas para o mercado freak
O festival internacional de cine freak de Vigo celebrará unha feira de arte e cultura freak na Praza Elíptica os días 29 e 30 de setembro. Os artistas e comercios interesados en participar poden solicitar un posto na web do festival ata o 31 de agosto.
O Galician Freaky Film Festival organiza a primeira edición da Feira Fantástica e Freak de Galicia que se celebrará na céntrica Praza Elíptica durante os días 29 e 30 de setembro, dentro das actividades do festival. Seguindo o fío conductor da sétima edición, a feira terá temática xaponesa e, por suposto, moi freak. O obxectivo principal é servir de escaparate para creadores, artistas e negocios e facilitar o encontro co seu público.
O Galician Freaky Film Festival fai un chamamento a todos os artistas, editoriais ou comercios locais con espírito freak que queiran participar cun posto na feira. Admítense multitude de produtos e soportes, como ilustración, libros, filmes, cómics, roupa, escultura ou xoiería. Produtos atractivos para os amantes do cómic, o coleccionismo e a cultura pop.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 31 de agosto e as bases poden consultarse na web do festival. O evento seleccionará dez postos que colocará no centro da Praza Elíptica os días 29 e 30 de setembro, grazas á colaboración do Centro Comercial. Os postos seguirán todos unha estética unificada acorde co GFFF e será a propia organización a encargada de fornecer de mesas e cadeiras aos participantes.
A feira complementarase cun programa de Mesas Freaks nas que os responsables dos postos poderán falar dos seus negocios e tender pontes entre os creadores alternativos da cidade, reforzando a comunidade viguesa.
A feira continúa coa temática escollida para o certame este ano: o anime. Akira (Katsuhiro Ōtomo, 1988) é o filme homenaxeado este ano no Galician Freaky Film Festival, protagonista do cartel, e será proxectado na gran pantalla e en 4K. Tamén o Pequefreak contará coa proxección de O meu veciño Totoro (Hayao Miyazaki, 1988), outro clásico da animación xaponesa e realizaranse actividades paralelas arredor do manga, o anime e a cultura do país do sol nacente.