O Galician Freaky Film Festival aséntase como o evento cinematográfico máis exitoso de Vigo
O sábado pasado o Galician Freaky Film Festival (GFFF) pechaba a súa sétima edición nos Cines Tamberlick coa tradicional entrega de premios. En realidade, o gran galardón da noite foi para os seus organizadores, que conseguiron encher a maior sala do cine (270 butacas) para culminar unha exitosa semana de actividades e proxeccións. Falamos con Míriam Álvarez, subdirectora do GFFF. (Fotos: P. Cermeño)
Hai anos, a palabra friki utilizábase como insulto contra o diferente, o inadaptado. Agora é motivo de orgullo. Así o entenden desde o 2017 Miriam Álvarez e o resto de persoas que forman o Galician Freaky Film Festival, o evento de cinema e cultura freak repleto de humor, terror de serie B, ciencia ficción e demais bizarradas: “Conseguimos romper a barreira do frikismo. Antes ninguén o asociaba a un produto de calidade”, apunta.
Do 22 ao 30 de setembro celebraron a súa sétima edición, dedicada ao filme Akira e ao mundo do manga. Tamén o clásico de David Cronenberg, Videodrome, tivo o seu momento de gloria no seu 40 aniversario. Miriam afirma que, “aínda que todos os anos digamos o mesmo, esta foi a edición máis exitosa. Cada ano conseguimos que veña máis xente, somos máis ambiciosos e sabemos algo máis”. Algo intuían os días previos ao evento: “Tiñamos moi boa vibra porque detectamos moi boa resposta por parte da xente. O mundo do cómic e a feira que organizamos tiveron moi boa acollida”, engade. Para esta edición Abella Producións, a empresa organizadora, recibiu preto de 600 curtas para participar, das que seleccionaron 45 para a sección de adultos e sete para o Pequefreak, a sección infantil do festival. A maiores houbo charlas, presentacións de libros e filmes en produción, unha exposición de ilustracións, unha subasta benéfica e un concurso de cómic.
Estes feitos son moi meritorios por varios motivos. O primeiro, e máis obvio, é que non é nada sinxelo argallar un evento cultural de xeito independiente e que o público responda. Por outra banda, este ano a organización decidiu subir os prezos das entradas porque “todo está máis caro, polo tanto a nós cústanos máis facer o festival”.
Por último, e non menos importante, Vigo ten unha relación complexa co cinema. A cidade conta con numerosas salas e varios festivais de cine ao ano, pero ningún deles acaba de atraer a moito público. Sen embargo, o GFFF parece ter roto o maleficio: “O xénero que nós traballamos non atrae masas pero ten un público fiel. Ademais, o noso festi ten un ambiente que non o ten outro en Galicia. E non o dicimos nós, senón xente do audiovisual que coñece estes circuítos”, di Miriam.
Curiosamente, o núcleo duro do GFFF (Juan de Castro, Nacho Lago, Paula Pazo e a propia Míriam) traballou no pasado noutro festival da cidade, o Primavera do Cine: “Daquelas recibiamos moitas curtas súper frikis e pensamos en montar un festi onde dar cabida a toda esta merda marabillosa. Aquela edición #0 do GFFF funcionou, e iso que competiamos coas luces de Nadal“, lembra.
Míriam é incapaz de escoller un único momento desta sétima edición e non oculta a súa emoción: “Perdo máis da metade do festi porque estou por aí apagando lumes, pero na gala de clausura, coa sala máis grande do cinema chea ata arriba, boteime a chorar. É algo co que soñas, un respaldo enorme ao traballo de todo un ano. Despois de botar 14 horas diarias diante do ordenador a preparar o festival, ver a sala chea é un subidón”, conclúe.
Palmarés
O xurarado resolveu outorgar o Gran Premio GFFF á curta máis freak á curtametraxe estona Dog-Apartment, de Priit Tender, valorando que “non ten medo de mostrar un pesadelo kafkiano repleto de imaxes chocantes, mesturando poesía, estrañeza e unha chea de tabaco”. Na mesma categoría, o xurado fixo unha mención especial á curta dos Países Baixos Gnomes, de Ruwan Heggelman.
O Premio Ben Dito, ao mellor guión outorgado polo xurado foi para Cut, peza de terror surcoreana dirixida por Son Min-zun, que tamén recebeu o favor do público O xurado considerou que “utiliza a metalinguaxe para meter ao espectador na mente dun asasino”. A mención especial nesta categoría foi para a húngara Amok, de Balázs Turai.
O Premio Neuronas Fritidas á curta máis turbia, concendido polo xurado foi para Pipes, suíza dirixida por Jessica Meier, Kilian Feusi e Sujanth Ravichandran, curtametraxe con moito humor “capaz de narrar a viaxe iniciatico dun adorable osito, onde o desexo únese ao medo para ofrecer un imparable carrusel de imaxinación, látex e lubricante”. Tamén o xurado elixiu ao gañador do Premio CREA, apoiado pola Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización foi para Histoire Pour 2 Trompettes, unha elegoría intimista da directora francesa Amandine Meyer. De novo, outorgaron unha mención especial, neste caso a Tank Fairy, traballo taiwanés cheo de purpurina protagonizado por unha repartidora de butano transexual.
Por outra banda, o público puido puntuar cada curta ao final de cada bloque, decidindo cos seus votos tres premios. O Premio Olimpo dos Freaks foi para The ballad of Maddog Quinn, un western distópico chegado desde Nova Celanda e dirixido por Matt Inns. O animador galego David Fidalgo Omil gañou o Premio Escarállome co filme Sandwich Cat, concedido polo público á curta máis divertida.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024