O Festival SonRías Baixas de Bueu quenta motores
O SonRías Baixas de Bueu recupera neste 2022 o seu gran formato e ofrecerá entre o 4 e o 6 de agosto un cartel cunha vintena de nomes destacados do panorama musical actual.
O SonRías Baixas dividirá en tres xornadas o seu programa, que inclúe unha cifra significativa de mulleres para continuar un ano máis coa súa decidida aposta para fomentar unha industria musical igualitaria en Galicia. Así, o festival abrirá na noite do xoves 4 de agosto cos concertos de Delaporte, Sofía Gabanna, JazzWoman e Cool Nenas, que subirán ao escenario nun día en que tamén actuarán o rapeiro Rels B e Maurino.
Tras un primeiro día centrado nos ritmos urbanos e en grupos emerxentes, continuará o venres 5 co seu habitual espírito festivo grazas ao regreso de Kase.O —que volve a Bueu no marco da xira do 10º aniversario de Jazz Magnetism— e os concertos que ofrecerán Rayden, Ciudad Jara, Buhos, Bala e Emlan. O cartel desta segunda xornada inclúe a García MC & Nación Quilombo, o proxecto actual dos dos grandes referentes do hip-hop galego.
Ao día seguinte, Tanxugueiras serán as grandes protagonistas do peche da edición deste ano. O trío formado por Aida Tarrío e as irmás Sabela e Olaia Maneiro estará acompañado por La M.O.D.A., que presentará o seu traballo Nuevo cancionero burgalés; Arnau Griso, que dará o seu concerto de despedida co público galego, e Sara Hebe, que terá en Bueu
a súa única parada en Galicia deste ano. Eskorzo, Balkan Paradise Orchestra e Suu serán os outros tres nomes reservados para a derradeira noite do festival.
As sesións de Grande Amore e La Duendeneta completarán o cartel de SonRías Baixas, cuxos abonos a prezo reducido e as entradas para cada unha das xornadas están a venda xa a través do seu portal web . Coa compra do abono para os tres días inclúese de forma gratuíta a zona de acampada, á que se accederá pola rúa Pazos Fontenla e que disporá de todos os servizos básicos para garantir a comodidade do público.