O Festival 8Pés rescata o único órgano de Vigo
A II edición do Festival de Órgano 8Pés pon en valor o órgano Alberdi da Concatedral de Santa María, coñecida como a Colexiata. O evento organizado pola Orquestra Clásica de Vigo contará con catro actuacións e numerosas visitas guiadas entre os días 23 e 26 de novembro. A entrada é gratuía pero precisa de inscrición previa.
Situado no corazón de Vigo, a Concatedral de Santa María de Vigo é o templo relixioso máis importante da cidade. O noso símbolo relixioso por excelencia, o Cristo da Victoria, xace no seu interior xunto aos mosaicos de Santiago Padrós. O edificio actual foi construído en 1816, substituíndo á anterior Colexiata que foi dañada en 1809 pola explosión dun polvorín. Moitos son os segredos e particularidades que albergan os seus muros, como o saqueo do pirata Francis Drake no século XVI, o reloxo solar nun dos laterais ou a inscripción da fachada en memoria do falanxista José Antonio Primo de Rivera; pero pouca xente sabe que tamén contén no seu interior o único órgano de Vigo. Un Alberdi construído en 1909 e restaurado en diversas ocasións: primeiro na década dos sesenta do século XX, con resultados moi mellorables; e a definitiva en 2017, cando o goberno local dedicou 140.000€ para recuperar o instrumento que se atopaba nun estado case ruinoso.
Para reflexionar sobre a utilidade do patrimonio e a importancia da súa conservación e posta en valor naceu o ano pasado o festival 8Pés, o único dedicado ao órgano na cidade de Vigo. Despois do éxito da súa primeira edición, que practicamente esgotou todas as prazas dispoñibles, este ano volve celebrarse entre os días 23 e 26 de novembro na Colexiata. Ademais das actuacións musicais, das que falaremos a continuación, haberá visitas guiadas todos os días do festival ás 17:00 e 17:30, cun máximo de 15 persoas por pase. O sábado 26 de novembro haberá, cun custe de 15€ e un máximo de 30 persoas, un percorrido comparado con Daniel Sanmartín entre os órganos da Catedral de Tui e o Alberdi de Vigo, de tipoloxías barroca e romántica, respectivamente.
No referente á programación musical, integramente de balde, o mércores 23 de novembro abrirá o festival un concerto da Aula de Órgano do Conservatorio Profesional de Ourense (o único conservatorio galego que imparte esta disciplina), que fará unha homenaxe a dúas grandes figuras da historia do instrumento: os compositores e organistas César Franck e Eduardo Torres. “Contar co alumnado neste festival é unha forma de conectar a nosa canteira cos máis grandes e apostar polo relevo e a continuidade”, afirma Manuel Martínez, director do festival. O xoves 24 será a quenda da organista Alize Mendizabal. A donostiarra presentará un programa pensado para poñer en valor as corais e o traballo dos organistas para improvisar e compoñer arranxos sobre estas melodías.
O venres 25 chegará un dos concertos máis especiais desta edicióndo 8Pés co valenciano Juan de la Rubia, organista titular da Basílica da Sagrada Familia en Barcelona. Na última década, de la Rubia especializouse na improvisación sobre películas de cinema mudo. Fai máis dunha década, en 2011, levou por primeira vez á práctica a improvisación ao órgano da película Fausto de F. W. Murnau. O resultado destes concertos sempre é diferente polo que hai unha grande expectación por como será na Concatedral de Vigo. O festival pecharase o sábado 26 co concerto do músico vasco Daniel Oyarzabal, acompañado por 30 membros da Clásica, que afrontará as posibilidades sinfónicas do instrumento.
Nesta edición haberá de novo unha pantalla grande para que o público poida gozar das proezas dos organistas, destacando o traballo dos pés co pedaleiro, dos cambios de rexistro ou do cambio de teclados, algo que normalmente queda oculto na distancia do espazo.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024