O Festival 8 pés propón concertos e visitas ao órgano da concatedral
A Clásica celebra a segunda edición do festival de órgano 8 pés, A Concatedral de Santa María de Vigo acollerá a cita do 23 ao 26 de novembro, semana na que se celebra Santa Icía, patroa de músicos e músicas.
O programa de 8 pés volverá xirar ao redor do único órgano en activo nun templo da cidade. Este órgano sinfónico do romántico tardío foi construído polo prestixioso mestre Lope Alberdi en 1909. En 2017 foi restaurado por Federico Acitores, conservando a súa esencia sonora e actualizando os sistemas. A Orquesta Clásica de Vigo organiza este festival para non esquecer o instrumento e darlle vida, co obxectivo de conservar un patrimonio único do que aprender e gozar.
A programación deste 2022 terá lugar do 23 ao 26 deste mes, coincidindo con Santa Icía, e volverá incluír visitas guiadas ao órgano da Concatedral e concentrará en Vigo a un grupo de artistas excepcionais de proxección internacional. Ademais, haberá unha visita aos órganos de Tui e Vigo na que o musicólogo Daniel Sanmartín Nieto fará un percorrido entre a tipoloxía barroca e romántica. Esta actividade ten prazas limitadas e un prezo de 15 euros. A entrada ao resto de actividades e concertos será de balde previa retirada de convite na plataforma Enterticket a partir do martes 15 de novembro.