REVISTA ABRIL

O Cineclube Lumière, mención honorífica da 11ª edición do Festival Primavera do Cine

A 11ª edición do Festival Primavera do Cine arrancará o martes 13 de setembro ás 18 h. coa proxección de dous bloques de curtas na Galería 3 do museo MARCO. Como cada ano desde os seus inicios, o festival concede unha mención honorífica como recoñecemento a profesionais ou institucións ligadas ao cinema en Galicia. O galardón deste ano recaerá sobre o Cineclube Lumière, unha institución que, a piques de entrar na trintena, xa é todo un referente na nosa cidade. Este luns 5 de setembro recuperou a súa actividade tras o parón estival.

REVISTA ABRIL
Público antes dunha proxección no Primavera do Cine en 2020 | P. Cermeño

En marzo de 2021, xusto antes de entrar á sala para ver Corpus Christi, falabamos con Mely López sobre o Cineclube Lumière, entidade que dirixe desde hai dúas décadas. Nado en 1993, esta iniciativa creouse co fin de achegar ao público vigués un cinema diferente, que non acostuma chegar ás salas. Nos últimos anos, ademais, temos que incluír na ecuación as plataformas de vídeo baixo demanda (VOD, nas súas siglas en inglés), que democratizaron os produtos audiovisuais pero tamén están a afastar á xente das salas. O nacemento do Lumière hai tres décadas supuxo recuperar para a cidade olívica unha actividade que non tiña continuidade dende o ano 1982, data na que desapareceu o último dos cineclubes vigueses dos anos setenta.

Naquela quedada do pasado ano López recoñecía que era “un labor de investigación arduo, buceando moitas horas nas seccións alternativas dos diferentes festivais de cinema internacionais. Hai moitos filmes que pasan desapercibidos e que só se proxectan nas grandes capitais e non chegan aquí”. Todo ese traballo parece dar os seus froitos, pois nesta 11ª edición do Festival Primavera do Cine outorgaranlle ao Cineclube Lumiére a mención honorífica. Un recoñecemento que valora o duro traballo que hai detrás deste baluarte cinematográfico, que promove a divulgación, o interese pola difusión da cultura cinematográfica, a vocación polo estudo do cinema, polo achegamento de xeito crítico á sétima arte (e á sociedade por extensión) e ao seu apoio aos realizadores novos e ao cinema galego.

Mely López retratada en marzo de 2021 | P. Vázquez

O Cineclube Lumière é, xunto cos Multicines Norte, o único exhibidor que oferta a súa carteleira en versión orixinal con subtítulos e non se ciñe as modas ou correntes do momento. Mely recoñecía ser consciente de que se trata dunha programación moi minoritaria e da dificultade que entraña propopñer cousas novas. “Vigo non é unha cidade cinéfila”, afirmaba con pesar. Con todo, aínda hai quen recoñece o seu esforzo. Segundo a organización do festival, “facer entrega da mención honorífica deste ano ao Cineclube Lumière é conmemorar a cultura de resistencia mais, principalmente, conmemorar o cinema libre”. A entrega do premio terá lugar o domingo 18 de setembro nun acto de clausura de carácter gratuíto e aberto a todo o público, onde tamén se entregarán os premios das diferentes categorías. No evento, que estará conducido pola actriz e dramaturga Lola Correa, recollerán cadanseu galardón a propia Meli, como actual presidenta, e o membro fundador do Cineclube Lumière, Francisco Javier Estévez Álvarez (Fran).

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.