O cineasta pioneiro Chano Piñeiro será homenaxeado no Festival de Cans
O Festival de Cans, que se celebrará nesta vila porriñesa do 2 ao 5 de setembro, homenaxerá na programación da súa XVII edición o cineasta Chano Piñeiro, con motivo da celebración dos vintecinco anos do seu falecemento, acontecido en 1995.
Chano Piñeiro (Forcarei,1954–1995) é o pai do cinema galego contemporáneo, e un realizador chave na posibilidade de ter un cinema propio en lingua galega. Filmes coma Sempre Xonxa ou curtametraxes como Mamasunción, forman parte da memoria cinéfila de todas as galegas e galegos, sobre os que Piñeiro deixou unha fonda pegada.
O Festival de Cans quere lembrar este ano a este cineasta inesquecible, a través de varias actividades transversais que se desenvolverán ó longo de todo o certame. Desde a homenaxe que o festival tributa ó cineasta no cartaz desta edición, coa figura de fondo da bicicleta voadora de Caladiño, un dos seus personaxes máis icónicos, pasando pola inuguración dunha rua efémera na súa memoria, un coloquio, proxecións e actividades para nenas e nenos.
As actividades para celebrar a figura de Chano Piñeiro comezarán o mércores, 2 de setembro, coa inauguración dunha rúa efémera en Cans, que levará o nome do cineasta. Esta rúa estará presente durante os catro días que dura o festival, e posteriormente volverá recuperarse cada ano nos días nos que se celebre o certame, a xeito de homenaxe contínua a este excepcional creador.
Na inauguración desa rúa estarán presentes a viúva do cineasta, Mari Luz Montes e a actriz Uxía Blanco, inesquecible protagonista do filme Sempre Xonxa. Ambas asistirán a posteriori a un coloquio sobre a figura de Chano Piñeiro, promovido pola Fundación Aisge e que terá lugar no Baixo de Carlos, o baixo do festival que este ano acollerá todos os coloquios e encontros matinais do mércores 2 ao venres 4 de setembro.
O coloquio rematará coa proxeción de Mamasunción, a súa curtametraxe mais emblemática, que se fará tamén con subtitulado especial para persoas con discapacidades auditiva, e coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Por motivos de distanciamento social e hixiene, esta galpón terá unha reducción de aforo e a actividade estará limitada a 25 persoas, que terán que inscribirse previamente, nun enderezo que o festival poñerá a disposición do público desde unha semana antes do certame.
As actividades de homenaxe completaranse con ‘Chano Piñeiro, vida contada’, un proxecto creado en exclusiva para este celebración, e no que os contadores de Polo Correo do Vento narraranlle a nenos e nenas a vida e as claves cinematográficas do creador de Forcarei. Explicarano a través dun formato absolutamente cinematográfico: debuxos feitos a semellanza dos que se empregan na preparación das películas para deseñar as imaxes, os denominados ‘story boards’. Este tipo de traballos serven de guía durante a rodaxe, e as pequenas pequenos que asistan a esta actividade poderán coñecer así cómo é esta ferramenta cinematográfica baseada no debuxo ademais de achegarse á obra de Chano Piñeiro. Esta actividade terá lugar na tarde do sábado 5 de setembro, e un máximo de 25 entradas a un prezo de 3 euros poñeranse á venda para esta actividade na tenda online do Festival de Cans.