CASAACUNHA

O Barbeira Season Fest presenta o seu hotel artístico pioneiro e charlas literarias

O hotel, intervido por máis de 30 artistas galegos, convértese, ademais, noutro dos espazos para realizar actividades do festival que arrinca o día 31. Ademais, Ledicia Costas, Pedro Feijóo, Diego Giráldez ou Jorge Martí, de La Habitación Roja, confirman a súa participación nas Charlas en chanclas do festival, conversas distendidas sobre música e literatura. Consegue aquí o teu abono con 5€ de desconto utilizando o código AMOVIDA.

Foto: Mateo H. Soto

A organización do Barbeira Season Fest de Baiona non deixa de xerar contido arredor do seu festival. Se o ano pasado xa sorprenderon coa creación do “restaurante máis pequeno do mundo”, que este ano tomou vida propia e esgotou as reservas en tan só dúas semanas, para esta edición puxeron en marcha novas actividades paralelas. A primeira da propostas é un hotel pop up situado no centro de Baiona. O Hotel Bayona convértese no Hotel Season-Zentolo. A organización pechou o emblemático establecemento situado no centro urbano para pasar a propoñerlle a máis de 30 artistas galegos que o interviñesen de xeito creativo.

Artistas plásticos, deseñadores gráficos, escritores, fotógrafos… tiveron liberdade para decorar as 33 habitacións do hotel coas súas creacións. Ademais, durante os días do festival, o hotel converterase noutro dos espazos neurálxicos do evento. O domingo día 4, día no que se pechará esta cuarta edición, o público en xeral poderá visitar o hotel e gozar nas súas habitacións de microconciertos, degustacións, proxeccións ou exposicións. Aínda que o Hotel Season-Zentolo xa ten as reservas completas, as persoas interesadas poden poñerse en contacto coa organización por se, de cara ao festival, quedasen ocos libres.

Outra das actividades postas en marcha este ano son as Charlas en Chanclas, un ciclo de conferencias que poñerá en relación a música con distintas disciplinas. O venres día 2, na Casa da Navegación, ás 12:00h. celebrarase a charla “Música e literatura. Diálogos de conveniencia” para a que xa confirmaron a súa participación os escritores Ledicia Costas, Pedro Feijóo, Diego Giráldez e Jorge Martí, vocalista de La Habitación Roja, que presentará tamén o seu novo libro unha hora despois acompañado da actriz Arantxa Treus. A charla, patrocinada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, e que conta coa colaboración da Librería Atlántica, da Guarda, estará conducida pola xornalista María Díaz.

Banner A Movidiña

O mesmo día, ás 16:00h., o xornalista Javier Becerra presentará os seus traballos Atlántico. El disco de la libertad de Xoel López e ¡Esto es rock!. O mesmo día, ás 17:00h., terá lugar a charla “Música e marcas. Mestúrate comigo” sobre como as marcas e os festivais se retroalimentan. Contará coa participación de responsables de márketing de coñecidas marcas e moderará a charla a xornalista Rocío Carreiro. Ademais, doutra banda, o Barbeira Season Fest, que ten como un duns obxectivos dinamizar económica e turisticamente a zona, organiza nesta cuarta edición actividades náuticodeportivas como bautismos de pádel surf e kajak, da man da empresa local Babysurf.

Consulta aquí os horarios dos concertos.

Consegue aquí o teu abono con 5€ de desconto utilizando o código AMOVIDA.