CAMELIAS MASCOTAS

O Berbés albergará a feira universitaria ‘A ciencia que vén ten nome de muller’

O vindeiro venres 18, desde as 17:00, a Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo organiza a expo-feira científica A ciencia que vén ten nome de muller no Berbés. Unha acción que acolle diferentes obradoiros científicos e actividades para achegar a ciencia dunha forma lúdica especialmente ao público infantil e xuvenil, poñendo o foco no papel das mulleres.

REVISTA NOVEMBRO

A ciencia que vén ten nome de muller trátase dun evento de divulgación e de fomento das vocacións científicas para todo tipo de públicos co que se pretende dar a coñecer á sociedade o traballo do persoal investigador e como os seus estudos favorecen ao avance da sociedade. Nesta actividade terá especial importancia o papel da muller na ciencia, ofrecendo ao público que poida coñecer de primeira man ás investigadoras que están traballando na Universidade de Vigo. Para iso, colocarán unha carpa na Praza do Berbés con 12 casetas (nove sobre proxectos, grupos de investigación ou centros de investigación da institución educativa; un da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e dous informativos sobre a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo).

Detectives de imaxes, A chispa da neurocienica, Griles e Grettel… Son só algún dos nomes dos obradoiros que se están a organizar para que o público, especialmente o infantil e xuvenil, poida achegarse aos laboratorios universitarios dun xeito lúdico e divertido. Haberá postos sobre tecnoloxía, sobre medioambiente, saúde e benestar, patrimonio e tamén economía. Desde un obradoiro no que aprender a detectar manipulacións en fotografías, ata outro no que visualizar especies singulares de diferentes ecosistemas (mariño, de auga doce e terrestre); dun taller de extracción de ADN de plátano ata outro no que se montará unha maqueta dun circuíto eléctrico cunha pila de petaca para simular como flúe a corrente a través dunha neurona.

No caso do posto sobre patrimonio as visitantes e visitantes atoparán actividades relativas á pintura rupestre prehistórica e poderán experimentar o traballo con pigmentos e practicar con algunhas metodoloxías para a súa identificación, estudo e conservación e, no de Griles e Grettel, as diferentes actividades xirarán arredor da lingua (xogos lingüísticos, subtitulado, prexuízos…). Ademais, estará aberto ao público o edificio Redeiras (Rúa da Ribeira do Berbés, 11) no que se estarán reproducindo vídeos sobre algúns dos grupos de investigación da Universidade de Vigo e poderase participar en xogos de realidade virtual e visitar a exposición En galego! da Área de Normalización Lingüística da UVigo. Todo isto estará dispoñible desde as17:00 ata as 20:00.