CAMELIAS MASCOTAS

O Barco de Nadal de Mar de Ons levanta áncoras

Hoxe, sábado 23, comezan as viaxes no Barco de Nadal de Mar de Ons. Este ano, como novidade, a navieira ofrece a posibilidade de cear a bordo todos os sábados de decemebro.

O Barco do Nadal de Vigo volve sucar a ría grazas ao labor de Naviera Mar de Ons, líder no transporte marítimo de pasaxeiros en Galicia. O catamarán levanta áncoras hoxe, 23 de novembro, e esténdese ata o 5 de xaneiro. Cunha asistencia nas edicións anteriores que superou as 11.000 persoas, esta iniciativa xa se consolidou como unha das citas imprescindibles da cidade nestas datas grazas ao éxito do seu alumeado, decoración e o bo ambiente que se vive a bordo. A actividade consiste nun paseo marítimo nocturno de hora e media pola Ría de Vigo para contemplar as luces do Nadal.

REVISTA NOVEMBRO

A bordo dunha das embarcacións máis grandes da compañía, o «Mar Vigo», decorado para a ocasión con máis de 65.000 luces microLED, a pasaxe pode gozar da música dun DJ e dun servizo de bar durante toda a travesía. Como novidade para esta edición, na saída das 22:30 horas de cada sábado de decembro, ofrécese a posibilidade de gozar dunha cea, previa reserva, deseñada especialmente para a ocasión. Ademais, para o gozo da infancia, personaxes propios desta temporada únense á tripulación: Papá Noel acompaña a pasaxe ata o 25 de decembro, o Paxe Real tómalle a remuda ata o Día de Reis e o Grinch adoita abordar a embarcación os domingos de decembro.

O Barco do Nadal de Vigo ofrece saídas todas as tardes das devanditas datas desde a dársena da Laxe, moi próximo ao mercado Cíes Market. As entradas están dispoñibles na web de Naviera Mar de Ons cun prezo de 20,00 € para a pasaxe adulta e 12,00 € para a pasaxe infantil con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. A cea dos sábados de decembro ten un custo de 45,00 € para o público adulto e 30,00 € para o público infantil. Vamos navegar!

Máis información na web mardeons.com.