O apoderamento de emprender
Falamos con mulleres que rexentan catro negocios moi diferentes cun nexo en común: todas deron un salto ao baleiro para apostar por proxectos propios.
PRIS HOMES
Preme aquí para ler o artigo completo
No corazón da cidade, moi preto da simbólica oliveira, vive e traballa Priscila Regueiro Landeira. En poucos meses será a inauguración da oficina en que agora nos recibe. Trátase dun baixo remodelado con moita luz onde quere centralizar o seu traballo, pero tamén acoller un espazo para celebrar eventos. É un exemplo do crecemento que tivo o seu negocio desde que en 2017 se lanzase a asumir en solitario a xestión dunha empresa de alugueiro de vivendas turísticas. «Levaba 11 anos traballado para Trivago en Alemaña; empezaba a ter moito estrés laboral e sacrificaba moito o tempo compartido coa miña filla». Volveu a Vigo e púxose a investir en inmobles en ruínas para reformalos e despois poñelos en alugueiro como vivendas vacacionais. «En Trivago conectei coa filosofía que inicialmente tiña Airbnb: ofrecer máis que unha vivenda de uso vacacional, senón a esencia dun fogar con alma». O risco económico e a soidade durante os primeiros anos como empresaria foron as principais dificultades: «Ao emprender xa non tes un líder de equipo ao que lle teñas que render contas; teste que automotivar». No contrapeso, a liberdade e o tempo para poder conciliar fan que a balanza se decante, no seu caso, cara ao emprendemento. O cariño e o bo gusto na decoración fixeron que nos últimos anos subise un chanzo máis e ampliase o negocio a inmobles doutros propietarios. O propósito está claro: «Traballar as vivendas con moito detalle, con personalidade e amor, de modo que sexan competitivas».
prishomes.com | hola@prishomes.es | 634 52 33 99 | @pris_homes
NAI DESEÑOS
En outubro de 2019, Ana Loredo fíxose empresaria. Logo de traballar moitos anos por conta allea, deuse conta de que necesitaba un cambio de rumbo. Quedar no paro axudoulle a ter un tempo de reflexión para iniciarse na técnica do macramé, da que vive a marca á que deu luz: Nai Diseños. «O macramé é unha técnica cen por cento artesanal; non fai falta nada máis que a corda e as mans para facer nós. Pareceume superversátil», explica Ana, que fabrica bolsos, tapices ou cestas que vende baixo demanda a través da web. Non obstante, o peso do seu negocio recae sobre as clases regulares que imparte con orgullo no obradoiro que ten situado na avenida das Camelias. Trátase de formacións continuadas para grupos reducidos, de seis persoas, nas que tamén se ofrecen obradoiros monográficos un sábado de cada mes. Ana asegura que en cada un deles as alumnas sempre empezan e acaban algo. A maioría das alumnas son mulleres que buscan sentirse realizadas. «É case como acudir a unha terapia», comenta esta artesá. Estamos ante unha empresa creada con mimo e sacrificio. Aínda así, emprender foi para ela atopar unha vocación e non contempla deixar de ser a súa propia xefa.
naidisenos.es | 699 37 20 93 | hola@naidisenos.es | @nai_disenos
PRISMA IGUALDADE
O propósito en común das dúas compañeiras que en setembro do ano pasado puxeron a andar a marca Prisma Igualdade, está declarado: «Achegar a igualdade a persoas e organizacións». Namentres que Cristina Louzán procede do ámbito da consultoría empresarial, Priscila Retamozo dedicábase principalmente a impartir formacións en igualdade de xénero. Este proxecto nace coa intención de xuntar ambas as dúas partes. «A consultaría ten moito de educación», explica Cristina, que engade: «É necesario facer pedagoxía para convencer de ir máis aló do cumprimento dunha lei». Prisma axuda a aplicar a perspectiva de xénero no eido empresarial, tanto na cultura, na comunicación como na toma de decisións. Observan a boa intención de integrar a igualdade no ámbito do ensino, algo fundamental pois consideran que a educación é a ferramenta máis poderosa de transformación social. Pero afirman que aínda queda moito por facer e resumen as súas aspiracións nunha frase: «traballamos co fin de que algún día non sexan necesarias estas formacións». Séntense orgullosas do curso de introdución á teoría crítica feminista que imparten na Casa das Mulleres e que xa vai pola quinta edición. Cristina apunta que o seu traballo tamén é bo para os homes: «Se detectamos unha discriminación no sentido contrario, tamén hai que corrixila, pero no noventa e nove por cento dos casos non é así». O emprendemento resultou nunha proba de autoconfianza, que ambas compañeiras valoran como unha experiencia moi positiva.
prismaigualdad.com | 604 03 32 98 | hola@prismaigualdad.com | prismaigualdad
SÉMOLA
Preme aquí para ler o artigo completo
Segundo o dicionario da RAG, sémola é a fariña granulada que se obtén do trigo e doutros cereais e que se utiliza na preparación de sopas, masas etc. En Vigo ademais é a sobranceira pastelería que rexenta Fanny Francos desde o ano 2010. A experiencia no sector panadeiro vénlle de vello: seu pai tivo unha panadería da que logo ela tivo que facerse cargo. Alí botou unha década en que, «a base de ir encontrando dificultades no camiño», aprendeu a traballar en equipo dentro do sector. A imaxe de Sémola é cousa do seu home, que é deseñador de interiores. «Creamos a marca unindo a panadería tradicional cunha visión máis moderna, inspirándonos no que xa se facía noutros países», explica Fanny. Recoñece que ao primeiro o público era reticente a entrar na tenda, pois prescindiron da barreira do mostrador para poder falar cara a cara. Adentráronse con forza nas redes sociais, sobre todo da man de Alexandra Pereira, a influencer viguesa tras a marca Lovely Pepa. A aposta pola proximidade non se limita á cara visible, senón que é a base dos ingredientes. Por exemplo, a célebre torta de queixo «Mimosa» está elaborada con tetilla do país, e a súa gama de produtos «Receta Atlántica» inspíranse en elaboracións artesás galegas. Así e todo, Fanny advirte que «emprender non é a panacea», e engade que para facelo «hai que ter unha base sólida e ser realistas». Unha gran dificultade no sector alimentario é a competencia que existe coas empresas máis grandes, pero apunta que o maior problema foi compatibilizar o traballo coa maternidade. «Ser nai pasa factura» admite.
semola.es | hola@semola.es | 986 11 25 00 (Porta do Sol), 986 11 25 11 (Marqués de Valadares), 986 11 47 11 (Camelias) | @_semola
Érika Martínez
Redactora