Novidades musicais viguesas para pechar o 2024
Xa non queda nada para comezar un novo ano, pero o 2024 ben se merece uns últimos bailes antes de despedilo. Traemos novidades musicais viguesas do máis variadas: panxoliñas, rock, rap, música urbana, reggae, mestizaxe…
NETTA RUFINA
Lembrádesvos do grupo The Mirror? Agora chámanse Netta Rufina, iniciando unha nova etapa coa mesma esencia pero con grandes cambios que se reflectirán nun segundo álbum para 2025 moito máis moderno, ecléctico e case integramente con letras en castelán. ‘Vuela’ é o seu primeiro adianto.
MONTEDAPENA
Montedapena é o proxecto artístico máis persoal de Héctor Rodríguez, quen tamén é membro de Lontreira. Unha proposta musical que non entende de etiquetas, onde conflúen desde os sons pop das últimas décadas á música electrónica. E é que o cantante e produtor moañés atrévese con todo. ‘Voltei Caer na Merda’ é o primeiro single do disco co que debutará a comezos do próximo 2025.
CARLA LOURDES
Bo final de ano para Carla Lourdes, que ademais de publicar este adianto do seu novo disco, anunciou que formará parte do roster de artistas de Esmerarte.
SANNY
Seguindo a tradición da súa admirada Phoebe Bridgers, a cantautora local Sanny compuxo unha panxoliña ao seu estilo folkie intimista. O resultado é este ‘Grape juice’.
ZALOMON GRASS
O agasallo de Nadal da banda de rock local Zalomon Grass é este novo adianto do que será o seu segundo disco. Presentan este tema, e outros moitos, o sábado 28 nun concerto na Sala Rouge, acompañados por Mürt.
KINGS OF THE BEACH
O trío de punk rock Kings of the Beach anunciou este ano que paraban de xeito indefinido. Tamén nos deixaron esta canción coa colaboración de Los Nastys.
LAW
Law lanza o seu novo traballo Lo Esencial (Galunk Producións), un EP composto de 4 cancións onde mostra a súa versatilidade musical e unha consolidación e madurez artística na que podemos atopar cancións urbanas con ritmos reggae e mensaxes profundas e comprometidas. ‘Fenec’ é un deses catro temas.
BROKEN PEACH
Como é habitual por estas datas, Broken Peach compartiron a súa propia versión da clásica panxoliña ‘Winter Wonderland’, mesturándoa co ‘Dancing in the Dark’ de Bruce Springsteen. O vídeo xa leva máis de 250.000 reproducións.
PABLO LESUIT
‘Vaya bendición’ é o segundo adianto do novo traballo de Pablo Lesuit. A súa composición marcou un punto de inflexión no repertorio deste novo álbum e temáticamente é a canción central da cal se desprenden as demais.
DAKIDARRÍA FT. HUGO GUEZETA
A banda máis famosa de punk ska de Galicia colabora con Hugo Guezeta, exvocalista de Sondarúa, no seu primeiro disco en solitario.
ÁLEX CASSEN
Álex Cassen presenta ‘Ángel’, o último adianto do seu EP debut. Nesta ocasión, o artista ofrece un himno catártico cunha forza inconmensurable, rebelándose contra unha persoa pola que non sente valorado.
SERPE
O grupo vigués de rock alternativo Serpe publicou o seu primeiro single ‘Amígdala’ o pasado 13 de novembro, unha reflexión sobre a autotrascendencia e a saúde mental.
FRANS BANFIELD
O músico arxentino fincando en Vigo Frans Banfield acaba de estrear o seu novo single, “Jaque al Rey”. Este lanzamento marca o regreso do artista á escena musical logo de catro anos de ausencia e é o primeiro adianto do seu próximo álbum, La Búsqueda Infinita.
ABRIL
‘Arredor da mesa’ é unha canción adicada ás amigas, unha oda ao amor por elas. Un canto que expresa o importante que é para nós coidalas, desfrutalas e querelas ben. Para transmitilo do mellor xeito elas tamén participan deste proxecto compartindo os seus talentos: cantando, tocando, escribindo as cantigas, producindo ou dirixindo o vídeo.
G. PARSI
O rapeiro vigués volve varios anos despois cun novo disco, Parpadeos.
SINIESTRO TOTAL
Malia que se manteñen fóra dos escenarios, polo que di Julián Hernández Siniestro Total continuará desempoando o seu arquivo e nos próximos meses e anos verán a luz diferentes traballos relacionados coa banda en forma de discos, documentais ou libros. Que no cunda el orden é, no sentido estricto, a primera gravación de Siniestro Total en estudio, en 1982. A portada está baseada nun dos panfletos que en decembro de 1981 se tiraron polas rúas de Vigo para convocar ás masas ao primeiro concerto da banda no teatro Salesianos. O disco contén oito cancións, entre as que se atopan ‘Ponte en mi lugar’ ou ‘Ayatollah’.
IVÁN FERREIRO
Iván Ferreiro sorprendeu este Nadal cunha panxoliña, na que colaboran Guadi Galego e outros amigos do cantante, como Leiva, Pablo López, Santi Balmes, Mikel Erentxun, Vega, Budiño ou Rozalén. O tema é unha versión do coñecido ‘Fairytail in New York’ de The Pogues.
HIGH PAW
A cantante viguesa colabora con The Ligerians & Pilah no tema ‘Swim Inna the Sea’.
THE BLOW UP’S
Primeiro sinxelo desta nova banda de rock local.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Novidades musicais viguesas para pechar o 2024 - 27 Decembro, 2024
- O máis lido de 2024 en A Movida - 24 Decembro, 2024
- Cafetería Turmalina - 17 Decembro, 2024
- Pepe Fernández - 17 Decembro, 2024
- Lotería Sagitario - 17 Decembro, 2024