Novidades musicais outonais da nosa cidade
Como vén sendo habitual nos últimos meses, traemos unha lista con algunhas das novidades musicais dos nosos artistas locais.
OS VACALOURAS – ‘FEDES A DAIADO’ E ‘ACACIA NEGRA’
Despois do exitazo de ‘O Samil é Portugal’ (máis de 60.000 visualizacións), Os Vacalouras seguen a adiantar o seu novo disco a base de sinxelos e videoclips. Os dous últimos: ‘Fedes a faiado’ e ‘Acacia negra’. Esta última é un mexunxe afectivo-medioambiental cun ritmo pegañento que fala das especies invasoras e das relacións tóxicas.
CRÓ! – ‘BUAH’
‘Buah’ é unha palabra utilizada para expresar abraio, unha especie de WTF curto. “Buah!” describe unha viaxe de risa psicodélica durante unha (quizais varias?) noites con diferentes paradas e sentires que se axustan á música, e viceversa.
CARLOS ORDÓÑEZ – ‘RETORTOIRO’
En 2021 O DJ coñecido como Prozack ou Gauss volve a escena tras case vinte añvos de silencio, utilizando por primeira vez o seu propio nome.
MICHU DA ROCHA – ‘MUIÑEIRA BAIXO A LÚA’
Versión á galega do clásico ‘Dancing in the Moonlight’ de Toploader, banda da que non se soubo nada máis despois de tal temazo. Michu da Rocha adapta este hit na praia de Tal, en Muros, introducindo fragmentos doutras cancións como ‘Pandeirada’ de Andrés do Barro e ‘Sementería’.
HIGH PAW & JAVIER VICALO – ‘FAINO TI‘
Nova colaboración entre a singjay local High Paw e o músico e produtor Javier Vicalo. Primeiro sinxelo en ver a luz tras a publicación do seu disco Novas herbas.
PABLO LESUIT – ‘EL VOLCÁN‘
‘El Volcán’ é unha canción na que a enerxía das palmas e os tambores mestúranse coa rabia das guitarras eléctricas e os órganos. A taberna La Mina ou o Sinatra Coctel Bar son algunha das localizacións do videoclip.
CARLAS LOURDES – ‘PLAN DE ALTAR’
Terceiro adianto desta nova etapa da cantautora Carla Lourdes, que aquí nos mostra a súa cara máis pop e bailable.