Novidades musicais dos últimos meses en Vigo
Despois duns meses de barbeito, volvemos cunha gran selección das últimas novidades musicais da escena local, entre as que topamos vellos coñecidos pero tamén proxectos incipientes de novas voces.
MARÍA GABEIRAS
Tras publicar o disco Pequeñas historias en 2020, a viguesa María Gabeiras volve cunha balada pop cun videoclip filmado no IFEVI.
DANI
Nos últimos meses Daniela Costas presentou varios dos adiantos do seu próximo disco, Posdata. O máis recente é Códigos, un novo tema cheo de referencias oitenteiras producido por InnerCut.
KINGS OF THE BEACH
O mes pasado compartiron este novo tema cun video tarantiniano e surrealista cheo de ritmo.
CARLA LOURDES
Moi activa nos últimos meses, publicou o videoclip de ‘Platónico’, canción incluída no seu primeiro EP El querer de las flores.
THE SOUL JACKET
Antes de comezar o verán a banda de raíces negras The Soul Jacket publicaba o seu último álbum, K.I.C.K. Radio, un traballo conceptual que xira ao redor dunha emisora de radio ficticia. O próximo 25 de novembro van celebrar na Sala Masterclub o 10º aniversario do seu primeiro disco, Wood Mama, coa presenza de Hendrik Röver.
MAN THE RIVER
Tamén en maio publicaba unha nova canción Man The River, o nome artístico de Bruno M. Caamaño. Unha paisaxe tranquila pero rítmica, chea de guitarra acústica, sintetizadores e unha linguaxe sinxela, que ofrece historias sobre a natureza humana e o seu curso a través das noites salvaxes dunha praia misteriosa.
VISIONS OF JOHANNA
En 2020 o irlandés Paul Clarke e o vigués Jorge Lorenzo formaban este grupo con nome de canción de Bob Dylan. Dous anos despois publican o seu primeiro disco, de títutlo homónimo, que contén un conxunto de cancións de aires folk e americana. Presentan este novo traballo o 5 de novembro no Sinatra Coctel Bar.
A RISO
Baixo o nome de A RISO a viguesa Alba Nogueira inicia unha nova etapa musical co tema ‘I eu?’, unhas letras que reivindican unha cultura diversa e igualitaria.
BREOGÁN XAGUE
O pintor e escultor vigués Breogán Xague sorpréndenos cun album de debut que non é sinxelo de etiquetar pola súa querencia pola experimentación máis brava. Oito pezas de abstract hip-hop -coas súas oito videocreacións- que funcionan coma un todo indivisible, artelladas coma un grande collage de retrincos sonoros.
MARYLAND
O cuarteto de power pop está a piques de lanzar o seu quinto disco, Cataratas del paraíso. Mentres podemos desfrutar deste adianto e do seu divertido videoclip filmado ao longo e ancho de Estados Unidos.
IGLOO
Igloo presentan o primer sinxelo de adianto do que será o seu sétimo traballo discográfico, producido por Juanma Latorre (Vetusta Morla).
PABLO LESUIT
Nunha das sesións que gravamos para o primeiro aniversario do centro comercial Vialia, o artista local Pablo Lesuit interpretounos unha canción inédita que posiblemente inclúa no seu próximo disco. A outra sesión que filmamos foi a de Eladio y los Seres queridos en Centeno, que podes ver premendo aquí.
HELEN & SHANNA
O cuarteto vigués-guardés publicaron a mediados de setembro este tema cheo de ritmo e cor, influenciado polas melodías do continente africano.
ÓSCAR AVENDAÑO Y LA BANDA FANTASMA
Parecía difícil pero si, Óscar Avendaño ten unha agrupación máis. Cun son cheo de po ao máis puro estilo western americano e un videoclip tenebroso, Pelda preséntanos o seu novo proxecto musical. A guitarra de Indy Tumbita, inconfundible.
HEROÍNAS
Falando de Indy Tumbita, a banda máis underground da cidade publica o seu primeiro longa duración, Hocus Pocus. Esta agrupación con aires á Velvet Underground está formada por Linda Lamarr (Pussycats, Tumbitas, Duques de Monterrey, Ex-Mums), Coral (Aerolíneas Federales), Indy Tumbita (Thee Tumbitas, Joao Tomba, The Voodoo Bandits) e Beatrice.
VOCES DE ULTRATUMBA
A única banda enteiramente feminina da Movida viguesa dos oitenta vén de publicar esta maqueta en casete case corenta anos despois da súa formación en Vigo.
FILLAS DE CASSANDRA
Con máis de 6000 reproduccións en menos dun mes, o segundo adianto das Fillas de Cassandra está a ter unha gran sona nas redes. E non é para menos, pois son quen de crear cancións con mensaxe e retrousos pegañentos.
PAULA MATEO
‘Tropical’ é o quinto adianto no que vai de ano desta artista local, que conta coa colaboración de Fanxe e Dani Summers.
RONSEL
Baixo este pseudónimo agóchase Eladio Santos, líder de Eladio y los Seres Queridos. Neste proxecto en solitario interpreta novas composicións alleas ás da devandita banda, como este ‘Fuimos los ciudadanos’.
BROKEN PEACH
O grupo local máis mediático en redes volve como cada Samaín (e xa van oito anos) coa súa particular versión dun tema famoso. Esta vez tocoulle a ‘Don’t You Want Me’ do grupo The Human League, co que levan máis de 500.000 visualizacións en pouco máis dunha semana.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Revista de Nadal: A cultura a exame - 5 Decembro, 2024
- A cultura de Vigo a exame - 3 Decembro, 2024
- O libro que demostra que os anos 80 en Galicia foron moito máis que a Movida Viguesa - 29 Novembro, 2024
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024