A tempada de outono de Vigocultura traerá 19 espectáculos á cidade
Esta mañá coñeceuse a programación de artes escénicas do Concello de Vigo, Vigocultura, para os vindeiros meses. Tras a actuación de Antón Coucheiro, o concelleiro de cultura anunciou os 19 espectáculos de teatro, danza, maxia e circo que poderemos ver este outono. (Fotos: Paula C.)
Antón Coucheiro e o seu espectáculo Sonámbulo tomaron esta mañá a rúa do Príncipe. Un pequeno adianto da programación de artes escénicas artellada dende o Concello para este outono, que presentou Abel Losada, concelleiro de emprego, cultura e participación cidadá. A programación, que un ano máis recibe o nome de vigocultura, está formada por dezanove espectáculos para público miúdo e adulto, que terán lugar no auditorio do Concello e na rúa do Príncipe durante os meses de setembro, outubro e novembro.
A programación comezará con dous espectáculos infantís. O venres 27 de setembro na rúa do Príncipe poderemos ver Espera, da Compañía Eia. O sábado será o turno de Sonámbulo, tamén na rúa comercial.
Todos os venres de outubro e novembro haberá espectáculos para público adulto con compañías como ButacaZero, Arden Producciones, Desafora2, Fran Sieira ou Teatro do Atlántico. Ademais, a compañía viguesa Deuve fará a estrea mundial do espectáculo Guerra de identidade, que conta coa dirección de Avelino González.
Un ano máis, Yllana, a compañía catalana de humor sen palabras, visitará a cidade. Esta tempada presentan a parodia Gag Movie, que habitará o auditorio do Concello durante toda unha fin de semana, realizando tres pases. O venres e o sábado, coa súa versión máis gamberra para adultos, e o domingo cun pase máis familiar para todos os públicos.
Na vertente máis social, dous espectáculos con temáticas de máxima actualidade. Por un lado o debate sobre a eutanasia subirá ao escenario co espectáculo Celebraré mi muerte de Teatro del Barrio, que conta coa produción de Jordi Évole e Alberto San Juan. Por outro, Invisibles, sobre a violencia contra a muller, da compañía Redrum Teatro, peza recoñecida con tres galardóns nos pasados Premios María Casares.
Para os mais pequenos e as súas familias a oferta se completa con espectáculos de circo, maxia, teatro e monicreques, con compañías como Xampatito Pato, o Mago Martín Camiña, Producións Dispersas, La Trócola, Kandengue Arts ou Pata Teatro. Tamén os bebés contarán cun espectáculo especialmente pensado para eles, Bitels para bebés de La Petita Malumaluga, que fará tres pases consecutivos o domingo 10 de novembro.
As entradas poderán adquirirse anticipadamente a partir de mañá venres 6 de setembro, a través da páxina web de Ticketea, no teléfono 902044226 ou en Discos Elepé. Tamén será posible conseguilas o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo, no despacho de billetes do Auditorio.