Nova tempada de rastrexos: aventura e diversión en equipo
Acaba de arrancar a tempada de rastrexos e xa hai programados unha vintena deles. Estas peculiares probas polo monte gañan adeptos ano tras ano e dende fai catro, os equipos poden participar nunha liga de rastrexos que premia aos que acumulen mellores puntuacións.
Correr polo monte de noite á procura do camiño correcto e probando as habilidades físicas e mentais dun mesmo son as premisas de todo rastrexo. Estas peculiares gymcanas polo monte son xa todo un reclamo da provincia de Pontevedra. Orixinarios da comarca do Condado, pouco a pouco se foron estendendo e agora hai rastrexos en Moaña, Cangas e incluso Sanxenxo. O pasado 24 de marzo celebrouse o primeiro desta tempada en Couso, este sábado Pontevedra acolle a primeira edición do ‘Ponte a Fuxir’ e practicamente ata o 4 de agosto hai rastrexos tódalas fins de semana.
Aínda que a maioría dos equipos participan por diversión, fai catro anos creouse unha liga de rastrexos para motivar á xente a participar máis, “a idea xurdiu para que a xente que tomaba parte dun rastrexo se animara e participase noutros”, explica un dos membros de Cazafantasmas Team, organizadores desta liguilla. “Xéranse pequenos piques entre equipos e motívanse. Pero iso si, sempre sendo respectuosos os uns cos outros”, engade. Participar nesta liga é totalmente gratuíto, só fai falla formar un equipo e nomear a un capitán. Non é preciso participar en tódolos rastrexos que conforman a liga pero gañará aquel que ao final da tempada leve acumulados máis puntos e soamente por participar os equipos reciben un mínimo de dous.
Os rastrexos constan dun percorrido de aproximadamente 10 quilómetros e unha media de dez probas nas que os participantes teñen que por a proba as súas habilidades. Superar obstáculos, resolver enigmas, trepar árbores, salvar regatos e ríos son algúns dos retos aos que se enfrontan os rastrexeadores. No calendario deste ano xa hai programados máis de vinte rastrexos e aínda quedan moitos outros por confirmar. Non obstante, grandes referentes como os rastrexos de Arcos ou Fozara teñen desaparecido. A mesma sorte correu o rastrexo de Xinzo (Ponteareas) que, pese a ser o máis veterano, o ano pasado non se celebrou. Coa efervescencia que morren, nacen outros novos para dar resposta a alta demanda, pois os rastrexeadores aseguran que engancha.
Calendario de Rastrexos 2018:
- 24-03-2018 Rastrexo Couso “Loca Academia de Policía”
- 24-03-2018 Andaina Nocturna Extrema San Xurxo
- 14-04-2018 III Rastrexo Imperio A Turonia
- 14-04-2018 Andaina Nocturna Viaxe no Tempo
- 21-04-2018 I Rastrexo Ponte a Fuxir
- 28-04-2018 Rastrexo Extremo
- 05-05-2018 II Rastrexo Lobariñas – Crecente “A Aldea do Terror”
- 12-05-2018 III Rastrexo da Picoña
- 19-05-2018 3º Rastrexo de Amorín
- 26-05-2018 II Rastrexo de Baredo Terra de Vikingos
- 26-05-2018 III Rastrexo Tameiga
- 02-06-2018 I Rastrexo Festas da Peregrina – Meira
- 02-06-2018 III Rastrexo Costeira
- 09-06-2018 IV Rastrexo Piñeiro “Buscando a Nemo”
- 16-06-2018 II Rastrexo Infantil de Oliveira “Pijama Party”
- 16-06-2018 II Rastrexo Soutelo Jumanji
- 30-06-2018 II Rastrexo de Camos
- 07-07-2018 V Rastrexo de Pereiras
- 14-07-2018 Rastrexo Vincios “Eu Fun a EXB”
- 14-07-2018 IV Rastrexo de Areas
- 21-07-2018 IV Rastrexo de Villar
- 21-07-2018 VI Rastrexo de Guláns
- 04-08-2018 IX Rastrexo Santiago de Oliveira