ARRIBADA

Norat crochet, na cabeza coas mans

A filóloga Sara Norat é a artista detrás de Norat Crochets, unha pequena marca viguesa de accesorios de gancho a medida e utilizando fibras naturais.

Sara Norat é filóloga e traballa no sector editorial, e tras a pandemia volveu á súa Galicia natal logo de sete anos en Barcelona. Podería parecer información irrelevante, pero o universo mental que Sara construíu a través da lectura serviulle de moito á hora de traballar coa cor e as texturas en norat crochets, o seu proxecto de accesorios de gancho realizados á man con fibras de procedencia ética, coma o algodón, a la meiriña e o moher.

Sara iniciouse no labor do gancho durante a universidade porque a súa nai tamén o facía de moza e, aínda que ela nunca lle ensinou, buscaba así conectar co seu pasado. Ademais, calcetar, facer gancho ou coser son saberes tradicionalmente femininos que durante moito tempo non foron valorados, por iso norat crochet quere darlles o lugar que merecen.

A deseñadora galega tenta producir só o necesario, polo que os gorros, bonnets, bufandas, scrunchies e demais complementos se fabrican baixo demanda para cada persoa. Se non queres pasar frío este inverno, visita noratcrochets.com e escribe xunto a Sara a túa propia historia.

The following two tabs change content below.

Estela Gómez

Estela naceu no 1992 preto do mar. É filóloga, escritora e correctora literaria, amiga do analóxico, a cultura e a moda vintage. No 2021 foi unha das dez escritoras seleccionadas da Residencia Literaria da Cidade da Cultura dirixida por Javier Peña. No 2025 publicou a súa primeira novela. Poderás atopar a Estela na biblioteca, no cine, no museo, no teatro, nun concerto ou no centro da cidade lendo un libro ao sol.

Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)