No verán… un conto
En xullo comeza una nova edición de ‘No verán… un conto’, un programa de dinamización do galego a través de contos, monicreques e música que durará ata finais de agosto. Estas actividades, dirixidas maioritariamente ao público infantil, terán lugar en numerosas localizacións ao longo da cidade.
Do 2 de xullo ao 31 de agosto, poderemos gozar en familia e gratuitamente das diferentes actividades do programa ‘No verán… un conto’, promovido pola Concellería de Dinamización Lingüística. Nestes eventos haberá contacontos, música, monicreques, xogos tradicionais, obradoiros e regueifas.
Para combater a calor, as actividades están programadas sempre a partir das 20:00 da tarde, e terán lugar en moitos lugares distintos da cidade: Navia, praza da Independencia, Calvario, rúa Londres (detrás do MARCO), Bouzas, Teis, praza dos Ratos (Berbés), A Miñoca, Castrelos e Samil.
Todas as actividades están dirixidas para nenos e nenas de máis de 3 anos e público familiar, agás as regueifas, da man de Josinho da Teixeira e alumnado do CIOV, que van máis orientadas a un público adulto.
Contos, música e galego van da man este estío para que poidas pasar unha agradable velada en familia, inculcándolles aos máis pequenos a paixón pola lectura, pola música e polo idioma.