CAMELIAS MASCOTAS

Nacho Pequeno, guía de montaña

Nacho Pequeno é o protagonista dunha desas historias nas que o lecer se converte en profesión. Hai anos que a crise laboral obrigou a este veciño de Beade a reinventarse, logo de traballar máis dunha década no sector do metal. Deu un cambio de rumbo combinando a experiencia previa como montañeiro afeccionado e un ciclo formativo en actividades físicas e deportivas e empezou a ofrecer servizos como guía de montaña.

Foto: Paula Cermeño

Nacho está especializado en trekking e realiza travesías de varios días por algúns dos cumios máis famosos de Europa, achegando os coñecementos e as medidas de seguridade que esixe unha aventura desta altura. Coñecer os refuxios integrados nas montañas e as necesidades de avituallamento son claves á hora de dispoñernos a superar algún destes retos con seguridade, polo que contar cun guía de montaña experimentado é unha boa garantía.

Na actualidade, podemos atopar na web de Nacho catro rutas para o verán, co destino fixado en algunhas das cordilleiras máis impresionantes do continente: nos Picos de Europa, nos Pireneos, no Mont Blanc e na illa de Córsega. Todos estes plans teñen unha duración de entre 8 e 12 días e están recomendados para persoas con perfil deportivo e experiencia previa en xeiras deste tipo. Se este non é o teu caso, non pasa nada, pois tamén se ofrecen outras opcións, como unha excursión en familia a unha praia fluvial ou unha escapada en grupo polo Courel. A oferta inclúe ademais cursos formativos en orientación, marcha nórdica ou raquetas, ofrecendo este último nun plan que inclúe unha escapada ao parque natural de Somiedu, no cordal Cantábrico. Hai plans para cada perfil. Toda ruta empeza cun paso pequeno.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.