CAMELIAS MASCOTAS

Musicav, música con calidez e calidade

Este xoves rematou a primeira edición do Musicav: con V de Vigo, un ciclo de catro concertos de jazz e música clásica celebrado no Auditorio do Teatro García Barbón e promovido polo Café Vitruvia. O público respondeu a unha proposta feita con agarimo e paixón que busca manterse no tempo.

Blue Summit Quintet no escenario do Auditorio do Teatro García Barbón | P. Cermeño

Atribúeselle a Duke Ellington a cita de “só hai dous tipos de música: a boa e a mala”. Se buscamos a frase en Google aparécennos decenas de artistas dicindo o mesmo, desde Chucho Valdés a Txus di Felatio (membro de Mägo de Oz). Por suposto, todos eles consideran que están do lado bo da historia, pero iso é outro debate.

Con esta controvertida frase comezou o 14 de novembro o discurso de apertura do ciclo Musicav Rosanna Ojea, unha das promotoras do evento e do Café Vitruvia xunto con Javier Ferreiro. Nos oito anos que levan á fronte do local situado na Praza de Compostela conseguiron convertilo nun referente local do jazz e da música clásica, e ademais atrevéronse con outro tipo de propostas como o Festival Jazz-Class, a Academia Compass ou o ciclo que agora nos atinxe.

O primeiro que chama a atención dos concertos do Musicav, con V de Vigo é a coidada escenografía. Os músicos, lonxe de tocar nun escenario nu como é habitual, están rodeados de cadeiras de deseño, estanterías con libros, lámpadas cálidas e outros elementos que aportan humanidade á estancia. La Victoriana é a empresa responsable desta presentación tan acolledora. Pode parecer algo anecdótico, pero a vista tamén inflúe na percepción do que estamos a ouvir.

Abe Rábade nun concerto no Mar de Vigo en 2022 | P. Cermeño

Jazz de moitos quilates

Desde A Movida asistimos aos dous concertos de jazz programados neste pasado mes de novembro. O primeiro foi o do pianista galego Abe Rábade o martes 14, quen acudiu acompañado polos seus músicos de confianza: Pablo Martín Caminero ao contrabaixo e Bruno Pedroso á batería. Rábade repasou temas dos seus anteriores discos, do seu último álbum Botánica e algún tema novo aínda inédito. Outra das novidades respecto a un concerto habitual foi que, antes do recital, os músicos falaron co público sobre diferentes cuestións relacionadas co que ían oír de seguido. Abe Rábade explicou, por exemplo, que se decantou polo jazz e non por outros xéneros porque este lle permite maior flexibilidade á hora de experimentar e mesturar con outras músicas.

O pasado martes, a escasos metros da zona cero do Nadal vigués, foi a quenda dun francés, dous cubanos e dous galegos. Pode parecer o comezo dun chiste, pero estamos a falar do Blue Summit Quintet, liderado polo saxofonista galo Arnaud Desprez. Con el, sobre o escenario, estaban Lázaro Daniel Cardozo á trompeta, Antonio López ao piano, Óscar Rodríguez ao contrabaixo e Noli Torres á bateria, quen sorprendeu coa súa forza nos solos que interpretou. Repasaron varios standards de bebop e hard bop de artistas como Wayne Shorter, Lee Morgan, Herbie Hancock ou Horace Silver. O Auditorio do Teatro García Barbón, cheo, despediu cunha gran ovación aos cinco homes traxeados.

REVISTA NOVEMBRO

Música clásica

A maiores do jazz, Musicav ofreceu outras dúas opcións máis orientadas á música clásica: a música apaixonada do Romanticismo Musical, o mércores 15; e a interpretación en directo da banda sonora do filme ucraíno Tierra (1930) pola pianista Anastasiia Frasyniuk e membros da Orquestra Vigo 430 o xoves 30.

“Se queremos facer de Vigo un lugar ao que ilumine tamén a cultura e a arte, necesitamos o compromiso de todos: dos músicos, das institucións públicas e privadas, pero, sobre todo, do público que dá sentido á arte e que xustifica o esforzo”, escribía a organización en redes sociais.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.