Motiños, a cidade sobre rodas
O pasado mes de setembro de 2024 botaba a andar, ou máis ben a rodar, Motiños, o primeiro servizo de moto compartida de Vigo. Na actualidade contan cunha frota de cincuenta motos eléctricas e unhas cinco mil persoas xa descargaron no móbil a aplicación deste servizo de motosharing.

Vivimos na cidade do Estado con maior número de motos per cápita. Malia iso, tivemos que agardar ata o pasado mes de setembro para poder gozar dun servizo de moto compartida semellante ao que leva anos existindo en lugares como Madrid, Barcelona, Valencia ou Sevilla. Motiños naceu do convencemento de Ricardo Rodríguez de que unha cidade como a nosa precisaba un sistema de transporte rápido, económico e sostible. Na actualidade contan cunha frota de cincuenta motos eléctricas e unhas cinco mil persoas xa descargaron no móbil a aplicación deste servizo de motosharing.
Natural de Valdeorras, este empresario leva desde neno ligado ao mundo do motor, dado que o seu pai rexentaba o taller Motos Julio, na súa vila natal. Despois de anos vivindo en Vigo, lanzouse á aventura de crear a súa propia empresa, ao experimentar en primeira persoa a necesidade de moverse de forma rápida: «Esta é unha cidade moi complicada para o transporte. É moi extensa, hai moito tráfico, hai pouco espazo onde estacionar e cada vez queremos chegar máis rápido aos sitios». Tras facer un estudo de mercado, en setembro de 2023 tomou a decisión de crear o primeiro servizo de moto compartida en Vigo; un ano despois, unha trintena de motiños comezaron a circular pola cidade.
O funcionamento é sinxelo e o único requisito que debemos cumprir é ter o carné de conducir. Só temos que descargar a aplicación no teléfono móbil e crear un perfil, no que introduciremos os nosos datos persoais e un método de pago. Nun período de 24 horas Ricardo e o seu equipo validarán o perfil e xa poderemos saír pola nosa motiño. A propia aplicación sinala en tempo real onde se localiza o vehículo máis próximo, que podemos reservar durante quince minutos. Unha vez que prememos o botón de play no teléfono, a moto acéndese e podemos comezar o noso percorrido urbano. Se a rapidez é o principal beneficio que destaca o creador desta iniciativa, o prezo é o segundo: «Ofrecemos unhas tarifas moi accesibles, que van desde os 0,25 euros por minuto, e o usuario aforra todos os gastos que implica ter un vehículo en propiedade».
Outra das vantaxes que ofrece o servizo é a opción de poñer en pausa a motocicleta mentres facemos un recado; desta maneira non perdemos o noso vehículo e durante ese tempo só nos cobran un terzo da tarifa. Ao chegarmos ao final do traxecto, só queda estacionar a nosa motiño nas zonas marcadas en verde na propia aplicación. Na actualidade, o trazado abarca desde Balaídos ata Teis, pero Ricardo confía en poder ir ampliando espazos segundo medre o número de usuarios: «A xente de Navia e Bouzas agradece moito a nosa proposta porque agora pode chegar ao centro en menos de dez minutos». Polo de pronto, o emprendedor xa ten pensado dar servizo no Vao e en Samil durante os meses de verán para que poidamos sacar o máximo partido aos días de sol e praia.
Motiñosvigo.es | @motinos.gal