‘Mosca’, de Ártika Cía

Un patio calquera dun colexio calquera. Dúas filas, unha fronte á outra, formando un corredor que hai que atravesar. Un bombardeo de mans baten contra o corpo do neno que pasa correndo polo medio. Berros. Gargalladas. «Mosca! Mosca! Mosca!». Golpes e máis golpes. E, ao final, dor. Dor, impotencia e humillación. Tras A illa da deslembranza, a compañía da sala situada na avenida da Beiramar, Ártika Cía., presenta Mosca, un espectáculo que pon o foco nun dos grandes males do noso tempo: o acoso escolar. Gustavo del Río (Os Náufragos Teatro) escribe e dirixe esta obra que conta a historia de Pedro, un neno de dez anos que, grazas á axuda da familia e do profesorado, trata de saír da espiral de intimidación e angustia en que está atrapado. Fernanda Barrio, Martín Maez e Rocío Salgado configuran o elenco dunha peza que nos fala de afectos e de coidados, pero sobre todo da necesidade de escoitar aquelas persoas que máis o precisen. Con iluminación de Javier Quintana e escenografía de Gustavo Brito, Mosca é un dos pratos fortes da programación escénica deste ano 2023. Unha montaxe necesaria e sen ambaxes que nos recorda que, ás veces, un xogo inocente pode acabar converténdose nun pesadelo.
Data e hora: sábado 11 e domingo 12, ás 20:00 h
Lugar: Sala Ártika
Entradas: 14,00 € (billeteira) / 10,00 € + gastos de xestión (en liña)
Ernesto Is
Escritor
Ernesto Is
Últimos posts de Ernesto Is (ver todos)
- ‘ReVolta’, de Juanito y Filomena - 7 Marzo, 2023
- ‘Mosca’, de Ártika Cía - 7 Febreiro, 2023
- ‘Narracións Imprevistas. Literatura Repentina’, con Jorge de Arcos e Santi Prego na Sala Ártika - 1 Decembro, 2022
- ‘Backstage’, de NegroLópez - 10 Outubro, 2022
- ‘Volátil’, Constance Hurlé e Paulo Maestro na Sala Kominsky - 22 Xullo, 2022