CAMELIAS MASCOTAS

MicroSonRías, o novo festival de Bueu con acústicos de Arco e Rayden

Dous concertos “desenchufados pero amplificados” no Recinto da Estacada de Bueu e sorpresas musicais en lugares sinalados da vila compoñen a programación alternativa á 18ª edición do Festival SonRías Baixas, que se celebrará a primeira fin de semana de agosto.

Rayden

O venres 31 de xullo o rock de acento flamenco do carismático cantante, guitarrista e compositor de El Puchero del Hortelano, Arco, volverá ao Recinto da Estacada de Bueu, onde estaba previsto celebrar a 18ª edición do Festival SonRías Baixas. O día seguinte, sábado 1 de agosto, será o
artista urbano Rayden o encargado de encher co seu inxenio, tenrura e verbo afiado o oco que deixou no calendario de festivais do Estado o adiamento do SonRías aos días 5, 6 e 7 de agosto de 2021.  Estes dous concertos “desenchufados pero amplificados”, nun recinto do festival adaptado aos novos tempos e varias sorpresas en espazos singulares da localidade, compoñen o MicroSonRías: unha proposta de pequeno formato coa que a organización do SonRías quere recuperar o contacto co seu público, ao tempo que contribúe a limitar o impacto da crise na localidade.

REVISTA NOVEMBRO

O SonRías Baixas congregou o pasado mes de agosto en Bueu a 22.065 persoas, xerando na comarca un impacto superior ao millón de euros. “Aínda que este verán non poderemos achegar esa riqueza económica e cultural á nosa terra”, lamentan desde a organización, “si que podemos ofrecer a nosa creatividade na forma dunha proposta “micro”, pero moi coidada, adaptada ás circunstancias, que nos permite compartir con parte do noso público o noso amor pola música, sen poñer en risco a súa saúde, nin a dos artistas, nin a do resto das persoas que colaboran co festival, nin a das veciñas e veciños da vila”.

As persoas que decidiron conservar as súas entradas para o 18º Festival SonRías Baixas, que se celebrará no verán de 2021, axudando a organización a sobreporse nun momento de gran  dificultade, poderán mercar antes que ninguén as 800 entradas do MicroSonRías. O resto do público poderá facelo a partir de mañá xoves ás 12h, na web sonriasbaixas.info , por 10€ a entrada para un día e 15€ o abono para os dous.


O MicroSonRías redefine, ademais, o concepto de Destino SonRías, conxugando unha programación
musical cunha proposta de ocio activo, gastronómico e natural, integrada no territorio. Así, algúns artistas visitarán algúns dos espazos máis singulares da comarca, onde ofrecerán pequenas actuacións e probarán algunhas xoias da gastronomía das Rías Baixas.