REVISTA MARZO

Sidonie, Full e Rayden actuarán en Vigo a finais de outubro

Baixo o nome de ‘Escenarios Mahou’, a famosa marca de cervexa traerá a Sidonie, Full e Rayden á nosa cidade en salas cun aforo inferior ao que acostuman tocar estes artistas. Os dous primeiros actuarán na Sala Rouge o 20 de outubro e o último o día 27, na sala Gatsby.

Mahou segue a traer concertos moi interesantes a Vigo, como é o caso destes tres últimos recén anunciados: Sidonie, Full e Rayden. Os escenarios escollidos para estes shows de carácter íntimo serán a Sala Rouge e a Sala Gatsby, cun prezo arredor dos 15€ por concerto.

Banner A Movidiña

O grupo Sidonie volta a Vigo despois do seu concerto na Iguana en marzo deste ano, no que celebraban o seu XX Aniversario. Ademais, tamén puidemos velos este verán no Vive Nigrán, onde acudiron como cabeza de cartel do festival. Os barceloneses son un dos grupos referentes do rock alternativo nacional, polo que será unha experiencia do máis especial poder gozalos nunha sala de pouco aforo. A veterana banda compartirá o 20 de outubro o escenario da Sala Rouge co grupo Full, un cuarteto sevillano nado en 2011 que ven de sacar dous singles do que será o seu terceito disco, Capadocia.

Por último, o rapeiro e poeta madrileño Rayden actuará o sábado 27 de outubro na Sala Gatsby, lugar pouco habitual nisto dos concertos. O ex-A3Bandas, con dous poemarios no mercado, interpretará temas dos seus catro discos en solitario, especialmente de Anónimo, o seu último traballo ata a data. É coñecido pola súa polivalencia e eclecticismo, xa que ten colaborado con artistas como Leiva, Mabü, Sidecars, Nach, Rozalén, Bely Basarte e incluso coa Banda Sinfónica de Madrid.

As entradas para o concerto de Sidonie e Full poden adquirirse pinchando aquí, cun prezo de 14,50€ máis gastos de xestión. Para a actuación de Rayden poderedes adquirilas neste enlace, ao mesmo prezo. Outros artistas que actuarán en salas galegas este outubro serán Depedro (A Coruña), Carlos Sadness (Pontevedra), Morgan e Rufus T. Firefly (A Coruña)e  Viva Suecia e Ricardo Lezón (Santiago).