Maxia, contos e música no Revoltalliño, a versión infantil do Revoltallo

O festival de música emerxente Revoltallo regresa a Valadares os vindeiros 18, 19 e 20 de setembro, proseguindo a súa aposta pola música en galego e actividades para toda a familia. Tras coñecer a programación de concertos e actividades para adultos na semana pasada, o seu irmá pequeno, o Revoltalliño, anuncia tamén unha serie de actividades culturais específicas para espertar nos máis pequenos o gusto pola cultura galega e facelos pasar unha boa fin de semana.

O Revoltalliño, a versión mini e paralela ao Revoltallo destinada a público miúdo, contará con cinco actuacións de teatro, maxia e música de recoñecidos artistas galegos que terán lugar durante as tardes da fin de semana, antes de dar comezo a programación para adultos.

O venres 18 ás 18.00 horas, Óscar Fernández, da compañía Magia en la manga, ofrecerá un sorprendente espectáculo cheo de xogos visuais, humor e trucos de maxia nos que a participación do público é esencial. O sábado 19 haberá dobre sesión de ocio infantil. A partir das 17.00 horas , a Carballeira do Pedregal acolle os “Contos da Galicia máxica”, representación dunha serie de relatos orais baseados na figura de Antón Fragua aos que dá vida Marta Ortiz, da Compañía A Charlatana. Ás 18.00, será o turno de Peter Punk, un paiaso galego con traxectoria internacional, pillo, orixinal e irreverente experto en acrobacias fallidas, risos e tartazos que estará presentando o seu novo espectáculo: “Punkdemia”.

Xa o domingo, a partir das 17.00 horas, o músico e contador de historias Bardo Abelardo interpretará os seus “Contos e cantos para coidar da terra”. Máis tarde, ás 18.00, Brais das Hortas será o encargado de poñer punto e final a tres días de espectáculos infantís coa obra de teatro para toda a familia “Zona en obras”, unha colección de contos inacabados que o público e o artista deberán terminar coa axuda dun andamio, un capacho e moita música.

Péchase así o cartel da XVII edición do Revoltallo, que consolida o festival de Valadares como o máis andado da oferta galega. Todas actividades serán de balde e terán lugar na Carballeira do Pedregal, un entorno privilexiado no que a natureza fusionase cos sons e as actividades cunha capacidade máxima reducida de 350 persoas para garantir todas as medidas de seguridade e hixiene marcadas polas autoridades sanitarias.

bannerAfundacion
Compartir
X