CASAACUNHA

‘Materiais para un arquivo da cultura submarina. Sala NASA 1992-2011’, de Chévere

A compañía teatral Chévere, autora de celébres producións como N.E.V.E.R.M.O.R.E ou Eroski Paraíso, organiza unha exposición que rememora a actividade da Sala Nasa, activa en Santiago de Compostela entre 1992 e 2011. Pode visitarse en Ártika de luns a xoves de 17:00h a 21:00h e durante a fin de semana, en horario de función.

En outubro de 1992, nun taller abandonado do número 51 da compostelá rúa de San Lourenzo, o Grupo Chévere abría as portas da Sala NASA (Nave de Servizos Artísticos). Ao longo de vinte anos, esta sala converteuse nun grande espazo de axitación cultural, cuxo impacto social e artístico se espallou por toda Galicia e que, a día de hoxe, continúa influíndo en novas xeracións de creación e xestión cultural.

Cabaré, música ao vivo, performance, recitais poéticos, teatro ou as famosas sesións das «Ultranoites» conformaron unha programación atrevida e innovadora, que foi perseguida polo rancor político ata conseguir acabar con ela. Trinta anos despois daquela iniciativa xestionada por Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Xesús Ron e demais nomes que foron formando parte do grupo, Ártika acolle a exposición Materiais para un arquivo da cultura submarina. Sala NASA 1992-2011.

Banner A Movidiña

Ata o mes de xuño, «unha escolma de documentos que forman parte dun arquivo oculto da cultura submarina de Compostela» estarán instalados na sala da Avenida da Beiramar como mostra, pero tamén como lembranza dun xeito diferente e comprometido de facer cultura e país. A exposición poderá visitarse ata o 29 de xuño, de luns a xoves de 17:00h a 21:00h e durante a fin de semana, en horario de función. A entrada é gratuíta.

O venres 14 de abril, día da inauguración, contarase coa presenza de coa presenza de Xesús Ron e Patricia de Lorenzo. Tamén se proxectará A viaxe dos Chévere, película de Alfonso Zaraúza onde se narra, a través dunha mirada moi persoal e poética, o desterro dunha compañía de teatro expulsada da súa cidade; e se presentarán os libros Chéveres (1987-2022) Trinta e cinco anos de axitación cultural e o comic O navegante (unha viaxe a bordo da Sala Nasa).

Tamén de xeito paralelo á exposición, o 19 e o 26 de maio ás 20h, terá lugar a conferencia performativa Pequenas mentiras para contar grandes verdades, na que Patricia Lorenzo falará do proceso de creación dalgunhas das personaxes que interpretou ao longo dos últimos quince anos en diferentes obras da compañía Chevere.

The following two tabs change content below.

Ernesto Is

É dramaturgo, narrador oral e docente. Premio Abrente (ex aequo) con 'Fendas' e Premio Rafael Dieste con 'Despois das ondas'. Foi seleccionado polo INAEM no Programa Dramaturgias Actuales ('El hombre que soñaba con elefantes en las estrellas'), no grupo de escrita teatral DramaturXA do CDG ('Onde veñen morrer as baleas') e na bolsa Nuevas Dramaturgias de Euskadi ('Canciones amarillas para flores tristes'). Cofundador da compañía Feira do Leste, coa que estreou 'Exilio das moscas' e 'Tras Tannhäuser' (axudas á Creación Joven do INJUVE). Membro do consello de redacción da erregueté | Revista Galega de Teatro, colabora tamén coa Revista Grial e A Movida de Vigo.