Marzo escríbese con M de muller
Continúan os eventos para reivindicar a igualdade na cidade. No que resta de mes, haberá moito cinema en clave de muller, un roteiro feminino e sesión de contacontos en igualdade para os pequenos.
A educación é clave para crear unha sociedade máis xusta entre sexos. Coa intención de educar en igualdade mañá celébrase en Coia a actividade para cativos Contos pola Igualdade a cargo da autora do libro ‘Somos Iguais’, Raquel Queizás. O obradoiro que comezará ás 17:30 vai dirixido a nenos de entre 4 e 12 anos.
O Cineclub Lumiére recupera en colaboración coa AGADIC as Sesións na Filmoteca que comezan mañá, mércores, cun ciclo de curtametraxes que teñen como nexo a muller. As catro curtas que se proxectarán son de autores galegos: ‘Pois iso, que te quero’, de Beatriz Belmonte; ‘Atisbos’, de Iria Silvosa; ‘Palmira’, de Diana Gonçalves; e a galardoada ‘Matria’, de Álvaro Gago. A entrada é libre ata completar o aforamento.
Continúa o Ciclo de cine Dangerous Women en La Galería Jazz, que se leva celebrando todos os mércores do mes. Un evento que quere reivindicar as ‘mulleres perigosas’, esas que son independentes e emancipadas “aristócratas do seu sexo”, que transcenden as limitacións das súas identidades sexuais. Este mércores proxectarase o filme ‘La loba’ (‘The Little Foxes’) unha película dirixida por William Wyler no ano 1941, e protagonizada por Bette Davis. E para pechar o ciclo o vindeiro mércores 28 tocaralle a quenda a ‘Perversidad’ (Scarlet Street), unha película estadounidense dirixida por Fritz Lang e estreada no ano 1945.
Afundación tamén conmemora con cine o Día da Muller co ciclo ‘Mulleres’ que consiste na proxección de catro filmes dos que xa se proxectaron dous. O vindeiro martes 3 de abril proxectarán ‘Sufraxistas’, que conta a historia das sufraxistas inglesas a altura da Primeira Guerra Mundial. O ciclo o finalizará coa proxección de ‘As Inocentes’, que narra a historia real dunhas monxas polacas embarazadas tras ser violadas polas tropas rusas ao remate da II Guerra Mundial.
Por último, a concellería de Igualdade ten prevista para o martes, 27 de marzo no auditorio municipal a proxección do filme de animación Persépolis. A conmovedora historia dunha nena iraniana desde a revolución islámica ata a actualidade. Cando os fundamentalistas toman o poder, forzando ás mulleres a levar velo e encarcerando a miles de persoas, e mentres teñen lugar a guerra entre Irak e Irán, Marjane descobre o punk, ABBA e Iron Maiden. Cando chega á adolescencia os seus pais envíana a Europa, onde coñece outra cultura que nada ten que ver coa do seu país.
O sábado ás 11 da mañá celébrase un roteiro en feminino ‘Sons de mulleres’, que percorre quince localizacións, situadas, na súa maioría no casco histórico polas que dun ou doutro xeito, as mulleres deixaron a súa pegada e a súa contribución á identidade de Vigo, aínda que a propia historia da cidade as teña silenciadas. No Roteiro hai espazos que son froito das reivindicacións e do traballo máis recente do Movemento Feminista: a Praza 8 de Marzo, o Centro de Documentación Feminista ou a Casa das Mulleres; lugares que recuperan a memoria de mulleres vítimas da represión franquista: Urania Mella, Olimpia Valencia ou Rosario Hernández -A Calesa-, que loitaron pola liberdade nas rúas da cidade, nos sindicatos e na vangarda cultural e mesmo nas barricadas da resistencia; espazos de Pedagogas que defenderon os dereitos das mulleres, loitando por unha educación que aínda hoxe é soño de futuro: Concepción Arenal, Ernestina Otero ou Antía Cal; lugares de creación artística e literaria, como foi a imprenta de Juan Compañel onde Rosalía de Castro sacou do prelo en 1863 “Cantares gallegos”; e lugares que recoñecen o compromiso político, o traballo nas conserveiras, na ribeira do Berbés ou as ostreiras, nos lavadoiros comunais ou nos mercados, ou ás mulleres que tiveron que emigrar.