GFFF
GFFF

Mariña López: «O museo da industria conserveira non debería estar no monte»

Hai tres lustros que a historiadora Mariña López Rodríguez (Vigo, 1973) chegou á dirección do Museo Anfaco e descubriu a gran pegada que a industria conserveira deixou na nosa cidade. Agora, desde o alto do monte que acolle o campus universitario, onde ten sede este museo, afánase por compartir e reivindicar este pedazo de historia local.

Mariña López, historiadora e directora do Museo Anfaco | P. Vázquez

Cando me contrataron aquí. Aínda que son de Vigo e sabía que as conserveiras eran parte da nosa historia, antes tiña máis ben pouca idea de todo isto.

O museo abriu o ano 2004, pero non operaba como tal, senón como un almacén. Eu entrei a finais do ano 2008 a través dunha subvención, e foi aí cando empezamos dinamizar o espazo e fomos aumentando a colección. Anfaco abrangue un xacemento histórico cunha chea de documentación e evidencias materiais que imos catalogando aos poucos. A ese material sumamos cousas que nos deron algúns empresarios e antigos traballadores das fábricas. Por outra parte, fomos mellorando a calidade das visitas, que nun primeiro momento eran basicamente escolares, e encargámonos de preparar unhas didácticas adecuadas. Foron anos de formación conseguimos que veña xente alén do público escolar. Cada vez hai máis interese no mundo da industria conserveira.

«O símbolo obreiro de Vigo é unha traballadora conserveira»

Nestes anos descubrín unha historia fascinante. Aínda queda moito por construír, pero chamoume moito a atención todo o que ten que ver coa historia das mulleres. O alcance que tiveron as mulleres nesta industria era para min un aspecto moi descoñecido, algo que fun descubrindo pouco a pouco. Caín na conta de que o símbolo obreiro de Vigo é unha muller, unha traballadora conserveira, e iso foi algo que non me contaran. En todos os documentos antigos refírense ás traballadoras conserveiras como «obreiros», e iso pode despistar, pero logo dáste de conta de que a base obreira de Galicia é a muller.

Porque é a historia máis xenuína e singular de Vigo, máis que a Reconquista ou que os castros romanos. Esta cidade caracterízase principalmente pola industria do mar. Aínda que as conserveiras viñeron despois, é unha historia que conecta coas salinas e as salgaduras romanas. Penso que o que nos identifica e nos diferencia territorialmente foron as nosas achegas á industria do mar desde as conserveiras, a construción naval, os estaleiros e a refrixeración. É unha historia inmensa que debemos coñecer, divulgar e investigar e pola que debemos sentir orgullo.

Mariña López na recreación dun despacho dunha fábrica conserveira | P. Vázquez

As orixes de Vigo como cidade están na industria conserveira. A primeiros do século XIX, cando en Francia quedan sen sardiña, contactan con algúns salineiros da zona. A cambio de capital e tecnoloxía franceses, aquí facilitábase a man de obra e o peixe. Os tratados comerciais con Francia favoreceron esa exportación; necesitábase un punto de saída e o máis idóneo foi Vigo, por ter un porto natural de primeira categoría. Daquela isto era unha pequena vila pesqueira e prodúcese unha explosión de emprendedores que veñen de todas as partes, non só de Cataluña, para instalar fábricas nas praias da zona, desde Teis ata Canido. Arredor da industria conserveira foise formando un tecido empresarial, porque para fornecer a conserva precisábanse barcos, industrias gráficas, talleres mecánicos… Ese tecido sentou a base para o crecemento que nos anos sesenta se produciu coa industria da refrixeración.

A través da industria conserveira podemos falar de relacións laborais, ciencia, arte, arquitectura, sagas familiares, contos, lendas, economía, gastronomía, relacións humanas, publicidade ou guerras, porque non hai que esquecer que a conserva é un invento de guerra. En xeral, a xente sorpréndese por todos os temas que podemos chegar a tratar a través dunha lata de conserva. Se falamos de cousas concretas, algo que chama a atención dos asistentes ao museo son as chaves para abrir as latas. A xente nova sorpréndese e a xente maior sente nostalxia.

Latas de conserva, no Museo Anfaco | P. Vázquez

Si, claro. O primeiro é, sen dúbida, que esta colección se aloxe nunha antiga conserveira. Temos o contido, pero precisamos o continente e na cidade hai edificios marabillosos á espera de que se lles dea un uso. Como podemos estar contando esta historia desde o monte, afastados de onde aconteceu? Se cruzamos ata Portugal, que ten unha historia parecida, vemos como alí hai museos en antigas fábricas, de xeito que se protexe o patrimonio industrial. Aquí parece que o noso non importa, con edificios de primeira categoría que, no mellor dos casos, están abandonados. Mentres estean, aínda podemos loitar por eles, pero hai moitos espazos que están desaparecendo por intereses inmobiliarios, xa que están en lugares moi cobizados. Se desaparecen eses edificios, desaparece a nosa historia.

«As orixes desta cidade están na conserva»

Para min foi unha alegría coñecer o seu traballo. Estou convencida de que ten que ser un movemento de abaixo a arriba o que cambie as cousas. Se a xente de barrio quere protexer a súa historia, temos moito gañado.

Mentres os edificios estean aí, por suposto que si. Aínda están aí o edificio Albo, a conserveira de Alfageme, a antiga factoría La Artística ou as naves de refrixeración da rúa de Jacinto Benavente. Xa perdemos algunhas construcións, como a de Cordelerías Mar, e non se pode varrer con algo tan emblemático para Vigo.

Mariña López na entrada do museo | P. Vázquez
REVISTA SETEMBRO

Funcionou moi ben, ademais os veciños están concienciados. Foi un paseo no que se falou da historia deses edificios, pero tamén da recuperación destes espazos e os usos que se lles pode dar para a cidadanía. Porque non se trata só de recuperar os edificios, senón de ver que necesita o pobo. No museo temos unha colección marabillosa á espera de mudarse de vez un espazo industrial. Queremos que sexa un museo social, aberto, no que acontezan cousas. Ademais estamos falando de gastronomía para mirar de facerse actividades como sesións de showcooking. Ese é o tipo de museo que perseguimos e o que procuramos facer cos poucos medios que temos actualmente.

Temos as respostas que nos manda a través da prensa, que no caso da fábrica de conservas Bernardo Alfageme parece que nos levan por bo camiño. Pero estamos pendentes do Plan Xeral de Ordenación Municipal. O edificio de Alfageme quedará protexido, pero non sabemos máis nada sobre o que vai pasar, por exemplo, con Guixar ou con Jacinto Benavente. Pero si que penso que hai unha sensibilidade crecente de cara ao patrimonio industrial, quizais porque as administracións perciben que hai certa mobilización cidadá.

Interior do Museo Anfaco | P. Vázquez
The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.