JORGE PARDO

María Xosé Porteiro: “Entendín moi nova que o sistema era inxusto e non parei de traballar para transformalo”

Se pensamos no feminismo en Vigo, e por extensión en Galicia, a todas nos vén á cabeza María Xosé Porteiro. Muller comprometida coas causas xustas nas múltiples facetas da súa vida: o xornalismo, a literatura ou a política. Despois dunha gran carreira xornalística e de ter creado a primeira concellaría da muller en Vigo, vén de publicar As benfaladas (Galaxia, 2024), un ensaio feminista que xoga cun duplo sentido pero que, sobre todo, reivindica que as mulleres non deben ficar caladas.

Cambiaría o de “considerarme” por “sentirme”. Non lembro que fose unha decisión reflexionada, nin intelectualizada. Unha é feminista cando se comporta como tal, o difícil sería definir cales son as condicións exactas para cumprir con esta definición. Dependen do contexto -e mesmo do tempo histórico- a que nos refiramos. Eu medrei e formeime nun país moi diferente ao noso. Tiña case quince anos cando cheguei de Cuba e alí tivera ocasión de estudar e medrar intelectualmente sen limitacións. Estaba a un ano de entrar na universidade para estudar medicina. Cando cheguei aquí tiven que deixar de estudar e o meu primeiro traballo foi de vendedora nuns grandes almacéns en Madrid… Penso que a rabia dese xiro no destino condicionou todo o que fixen despois. Entendín que o sistema era inxusto e, desde aquela, non parei na decisión de traballar para transformalo.

Podería dicirse que eu fun a man que abaneaba o berce… A idea non foi miña. Eu non militaba no PSOE, que foi o partido que decidira daquela crear “concellerías da muller” (así se chamaron ao principio) nun congreso previo a unhas eleccións municipais. Foi o mesmo congreso no que se decidiu a obriga de incluír, como mínimo, a un 25% de mulleres nas listas electorais. Daquela eu era funcionaria no Concello como xefa de prensa e politicamente estaba na órbita de esquerda galega. O alcalde socialista, Manolo Soto, estivo durante un ano tentando convencerme de que aceptase ir nas listas municipais en Vigo para ocuparme de crear aquí unha desas concellerías da muller. Obviamente, era coñecido o meu compromiso feminista desde os meus tempos na radio e na prensa desde moitos anos antes. Consulteino coas miñas amizades máis próximas e vencelladas á política, para nada do PSOE por certo, e animáronme para non desperdiciar a oportunidade de que Vigo tivese un servizo desas características. Falei coas alecrinas e fixen o programa con elas que levaban xa tempo demandando unha Casa de Acollida para mulleres maltratadas e un Centro de Información Municipal para a Muller. Coa condición de que isto iría no programa electoral aceptei ir nas listas como independente e un par de anos despois, fíxenme militante. O compromiso cumpriuse e ampliouse con novas propostas propiciando a incorporación das mulleres do movemento veciñal aos órganos de goberno das asociacións e dos sindicatos, traendo expertas para formar a mulleres en temas de liderado ou de teoría feminista, para o tratamento das denuncias por violencia de xénero pola policía municipal, e mesmo de alfabetización para mulleres que -incriblemente- eran moitísimas aínda entre as maiores e no rural. O resto, xa é historia, mais cómpre dicir que naquela corporación eu era a única muller entre vinte sete concelleiros. Noutras estiveran Teresa Conde Pumpido e María Arán e posteriormente moitas máis como Olaia Fernández, Carmen Avendaño, Maite Fernández ou Carmela Silva.

Coido que, en xeral, cando tes algún guieiro ético que actúa como fundamento, tanto cando te ves como ser social ou como entidade individual, é imposible decatarse do efecto, da influencia que comporta. Pasa a ser parte de ti sen mais (e sen menos). Botando unha ollada as tres últimas décadas que contamos unha vez se consolidaran as leis que incorporaron aos dereitos constitucionais en 1978/79 algo tan básico como a igualdade entre todas as persoas, e posteriores derivadas a respecto de novos dereitos específicos para as mulleres, hai que apreciar o corpus legal que transformou a un dos países máis atrasados de Europa nesta materia, nun dos máis avanzados. Pero, se teño que botar a ollada atrás, desde aquel 1987 en que fun concelleira ata hoxe, pasaron moitas cousas, algunhas máis ou menos rápidas e outras, notablemente lentas, máis coido que todas foron necesarias e produciron grandes cambios. En Galicia, na terceira lexislatura dun novísimo Parlamento autonómico en setembro de 1990, creamos a primeira Comisión non permanente de estudo para a Igualdade e para os Dereitos das Mulleres, da que, por certo, ninguén explicou a que se debeu a súa disolución hai un ano. Tamén fomos o único Parlamento autonómico que en outubro de 1995 enviou unha Delegación formada por todas as deputadas ao Foro Social do Cumio de Beijing, organizado polas Nacións Unidas. Xa como membro do Congreso fun unha das parlamentarias e parlamentarios que aprobamos, por unanimidade, unha norma pioneira en Europa: a Lei Orgánica 1/2004, de 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a violencia de xénero e tamén -neste caso sen o apoio do PP, a Lei Orgánica 3/2007 para a igualdade efectiva de mulleres e homes, que incorporaba a representación equilibrada para a nosa representación efectiva nos ámbitos decisorios da vida política e económica, pero que non foi totalmente eficaz ata decembro de 2023 coa Lei Orgánica de representación paritaria e presencia equilibrada de mulleres e homes, popularmente coñecida coma lei gramalleira.

O título foi casual. Cando fun propoñerlle a Xosé Manuel Soutullo, director de Galaxia, a posibilidade de entregarlle un libro no que estaba a traballar para a colección de Feminismos, non levaba pensado título, pero no medio da conversa saíume este “palabro”: benfaladas, co que quería resumir o obxecto da miña análise. A el gustoulle e así quedou. Penso que foi un acerto porque anuncia pero non descobre. Deixa un aquel de curiosidade que está funcionando moi ben.

Que hai asuntos onde non cabe o negacionismo porque sería incorrer nunha falta de humanidade só posible cando se carece de información e formación.

Non é un fenómeno novo. Tamén segue habendo persoas, a día de hoxe, que afirman que o planeta é plano, ou que algunhas razas son inferiores a outras, ou que algúns mitos relixiosos son comparables a asertos científicos. O único diferente é que neste momento, cando a comunicación está globalizada e se expande tan rapidamente, estas “ideas” parecen novidosas e mesmo anti-sistema, e iso lles proporciona un atractivo evidente para certas mentalidades.

Non teño nada, a priori, contra a existencia das redes sociais, coma non tería contra o invento da telegrafía sen fíos, ou o teléfono, ou o vapor… no seu momento. Os avances tecnolóxicos non poden ser xulgados con parámetros éticos ou de moralidade. Outra cousa é que poidan usarse para facer mal a mantenta. Aplicado isto ao feminismo, o resumo é que as redes sociais e a velocidade á que transmiten novas e novidades, axudaron a expandir por todo o mundo unha ideoloxía que tivo a súa explosión mundial cando o #Metoo de 2018. O 8 de marzo dese ano pasou algo impresionante: en todos os países, con cadanseu fuso horario, houbo manifestacións que foron retransmitidas por toda clase de medios de comunicación (redes incluídas, e mesmo de xeito especial) nas que mulleres de todo o mundo coreabamos as mesmas mensaxes e participabamos dunha folga que debeu ser a primeira de carácter planetario ata o daquela (e penso que tamén despois). O impacto foi tal que a reacción misóxina foi case instantánea. Asustou a forza que ten esta revolución social que é o feminismo: unha revolución pacífica e radicalmente transformadora, que atinxe, por primeira vez, a toda a humanidade en todas as partes do planeta e nun mesmo tempo histórico. A reacción foi inmediata e virulenta. E aí estamos, convertidas de acusación en acusadas… Pero estou segura de que este inmenso cambio xa é imparable. Levamos milenios acumulando vítimas que caen sempre do mesmo lado: o noso, e con innumerables vitimarios que nin sequera son así recoñecidos como a mestra Queizán califica, maxistralmente, como Holocausto feminicida. Só por iso, esta revolución tería que ser asimilada e asumida como xusta e necesaria, pero ninguén pensa que vaia ser fácil. Mais estou certa de que, malia o mal que pinta agora mesmo, en ningunha outra época histórica estivemos tan fortes. Nós tamén sabemos usar as redes sociais.

Se eu tivese unha resposta para esta pregunta sentiríame moi aliviada. En realidade esa preocupación é a chave dun asunto transcendental. A estas alturas, e logo de moitos anos pensando nisto, dunha ou doutra maneira, creo que nunca se acada totalmente unha igualdade efectiva e real -nin nesta nin noutras discriminacións, como a racial, ou a da pobreza, ou o idadismo- que sería tanto como dicir, unha igualdade plena, total, universal. Se dependese das persoas, dunha en unha, sería só un asunto de educación e cada quen, libremente, iría acomodando o seu comportamento ao seu coñecemento e aos valores adquiridos. Pero as sociedades non funcionan así e, do mesmo xeito que os sistemas non adoitan ser perfectos, a cidadanía tampouco… Cada vez máis, son intereses de tipo moi diverso -a avaricia, a crematomanía, as diversas manifestacións do poder…- quen van influíndo e chegando a modificar conviccións e crenzas xustas para satisfacer outros intereses.

Sen dúbida, Concepción Arenal, de quen nos teñen contado moitas parvadas ata convertela nunha personaxe ultra conservadora e moxigata, cando foi unha das mentes máis progresistas e lúcidas da súa época, coñecida e respectada en todo o mundo como anovadora e experta penalista con formación universitaria, comprometida como teórica e activista coa abolición da escravitude e do proxenetismo, e krausista, colaboradora da Institución Libre de Ensinanza a prol da educación das nenas e mozas desde posicións moi avanzadas para o seu tempo e moitos anos despois.

Como moi ben sinalas a inmensa maioría estiveron nos espazos privados. Aí temos que procuralas, cada unha na esculca das nosas propias familias, das nosas vilas, do que temos máis preto. Cantas das nosas avoas ficaron mudas… Fagamos un esforzo por devolverlles a voz e a liberdade convocando e recuperando a súa memoria.

Se os fabricantes de cartos son quen de facer admiradores e coleccionistas de saurios aos máis pequenos, case desde que teñen uso de razón, e acaban sabendo os seus nomes, costumes, como e por que desapareceron, só tería que haber interese.

Son as persoas as que condicionan o efecto das súas ideas e actividades pero, á súa vez, esas actividades móvense en función de moitos factores exóxenos. O importante, daquela, é a formación e o compromiso das persoas que procuran, enfocan e redactan as noticias, as que escollen e tratan os temas, as que “se mollan” ou se manteñen á marxe. O xornalismo non ten que “ser” feminista porque iso non é posible. As persoas que se dedican ao xornalismo, desde o ámbito empresarial ata a máis básica redacción, serán mellores e máis útiles ao mundo se entenden o feminismo e o asumen como no seu día aconteceu coa escravitude ou o racismo, por poñer exemplos relativamente recentes.

En moitos. Sinto que teño pouco tempo por diante para todo o que quixera facer. Son xa moi maior pero teño o espírito ben esperto e coido que me funcionan ben os cinco sentidos básicos, co engadido de todo o que o xornalismo me ensina cada día. Rematei hai uns meses un libro de poesía erótica, teño comezado hai un par de anos un libro infantil-xuvenil inspirado nas fillas e netas de algunhas amigas (agora que eu tamén fun avoa, teño que crear unha “personaxa” máis…), e estou traballando intensamente na recolleita das miñas publicacións xornalísticas, tanto profesionais como políticas, porque no Consello da Cultura van reprografar e recuperar parte da infinda colección de materiais que teño de tantos anos de traballo, así que coido que non vou dar comezado, polo menos este ano, outra novela que me leva roldando algún tempo. Pero sobre todo, o mellor proxecto é seguir sorprendéndome coa novelista que se chama Llerena Perozo Porteiro e o creador audiovisual que se autodenomina Ozo Perozo Porteiro tamén. Non te imaxinas o que significa iso para min…

DEPO

Tensi Gesteira
Crítica literaria