CAMELIAS MASCOTAS

María Uve: «O amor, moitas veces, núbranos as ganas de conseguir as nosas propias metas»

María Uve é o nome artístico tras o que se agocha María González Borges. Unha veciña cuxas ilustracións están a dar a volta ao globo e que agora podemos ollar compiladas no seu primeiro libro, Nosotros. María, vista por algúns como ilustradora erótica e por outros como ilustradora romántica, fuxe de ambos os dous clixés e defende o amor propio e a naturalidade.

Como comezaches a debuxar?

Debuxo desde sempre. Estudei fotografía e ilustración, pero traballei como camareira, dependenta… continuando coa fotografía e coa ilustración pola miña conta. Ata que me fartei de traballar en cousas que non me achegaban nada. Cadrou que me despediron, collín o paro e decidín poñerme a fondo coa ilustración e, de modo un pouco autodidacta, aprendín a traballar na ilustración dixital, que fun mostrando nas redes e na que fun medrando. Disto hai un ano e medio.

Agora tes máis de 300.000 seguidores en Instagram… Como se consegue iso en ano e medio?

Con moito traballo. Todos os días á mesma hora subía unha nova ilustración, contestaba a todas as mensaxes… coma quen ten unha tenda, igual. Trátase ben aos clientes, eles quedan contentos e ti vas crecendo.

Moita xente nova quere ser instagramer porque parece que podes encher o peto traballando pouco… e non é así?

En absoluto. Nin te fas rica nin traballas pouco. É certo que hai un sector de influencers que viven diso ao publicitar marcas nas súas redes sociais, pero non é o meu caso. Instagram axúdame a que me saian traballos, pero non me mantén. A miña é unha páxina de entretemento e eu non gaño a vida con ela nin de broma.

Como xurdiu a oportunidade de publicares un libro?

A raíz do crecemento en Instagram, contactou comigo a editorial e propúxome publicar un libro. Aínda que eu non teño moita idea de escribir e só escribo os meus pensamentos, dixéronme que iso era o que estaban a buscar. Déronme catro pautas básicas, un prazo de entrega moi curto e aquí o está!

Debuxas directamente en soporte dixital ou primeiro fas un bosquexo á man?

As imaxes do libro ou as  ilustracións que publico en Instagram fágoas directamente no ordenador. Logo, noutros traballos máis persoais que fago na casa, si que emprego outros procesos.

Sempre che interesou retratar os corpos?

Emprego os corpos como ferramentas de expresión de outras cousas. A min unha paisaxe ou un obxecto non me din tanto como unha postura, un xesto ou unha parte do corpo.

Falas da necesidade de naturalizar os corpos.

A través das ilustracións intento desexualizar os corpos espidos. Intento quitarlle o erotismo ao nu e facelo algo cotián, como calquera outra cousa.

A túa novela gráfica está considerada como erótica. Estás de acordo con esta categoría?

Non. Non creo que sexa unha novela polo volume de páxinas que ten e tampouco creo que sexa erótica. Pero é a clasificación que lle puxeron na editorial e supoño que esa xente entenderá máis cá min.

Como a definirías ti?

Eu creo que son pensamentos, ilustrados e encadernados. Non me considero moi boa escritora, é coma un cartapacio de pensamentos.

O que si é certo é que o amor e mais o desamor están moi presentes na túa obra…

Si. Trátase de ter amor propio, de gustarse, de que non nos afecten as opinións das outras persoas… Sempre desde o punto de vista do amor, porque creo que é un dos sentimentos que máis nos inflúen na vida. Núbranos moitas veces as ganas de conseguir as nosas propias metas. Hai moita xente que di estar namorada e que pasa a non quererse a si mesma, a non facer cousas que tiña planeadas… Este libro fala de loitar polos teus ideais, de quererte como persoa e de considerar á parella como a persoa que che axuda a potenciarte.

Que hai de autobiográfico no libro?

Case todo o é. O que pasa é que son vivencias contadas coa perspectiva do tempo. Se eu tivese anotado esas vivencias nun diario cando aconteceron, seguramente non as contaría da mesma maneira. Eu conto todo dun xeito moi frívolo porque é algo que xa non me está a doer. Entón si, é autobiográfico, pero desde un punto de vista afastado.

As personaxes do libro aparecen retratadas como persoas fortes. Hai algo de ti aí?

Máis ben hai algo do que me gustaría ser.

Quen máis e quen menos coñece o amor e o desamor… De verdade é tan marabilloso amar e tan doloroso que non nos correspondan ou temos todo isto idealizado de máis?

Está moi idealizado, pero é que está en todas partes. Todo nolo venden con amor, por exemplo as colonias. Ata McDonald’s emprega o concepto do amor! En realidade, non creo que importe tanto, senón que o importante é atopar o benestar propio e, se o queres compartir, pois de marabilla, pero estar ben con un mesmo e mirar polas metas propias é o máis importante.

Quizais a idea de amor estea un algo pervertida pola mercadotecnia, non?

Agora todo isto está a mudar cara á idea de gustar, o amor xa empeza a resultar perecedoiro. Antes vendíasenos un amor de Disney, para toda a vida, con final feliz. Agora é un amor esporádico o que se nos está a vender. Hai algúns sectores da mercadotecnia e da publicidade que comezan a vender o amor desde a naturalidade e a autoestima, pero moi poucos.

Ao teu xuízo, acabouse o amor para toda a vida?

Non necesariamente. Claro que pode existir, pero non ten que ser esa unha meta na túa vida, pode aparecer sen máis. Si que é certo que as xeracións actuais se desnamoran con moita máis facilidade. Todo isto está máis liberalizado.

Consideras o teu un traballo feminista?

Si e non. Creo no feminismo, pero non me considero unicamente feminista. Gústame considerarme anti-antis. Estou en contra de calquera tipo de violencia.

Cres que son necesarios máis traballos como Nosotros para educar en igualdade?

Un factor moi importante para paliar a vaga de machismo que hai agora é educar desde a infancia. A xente está moi mal educada nas relacións humanas. Tanto aquel que mira para unha muller como un obxecto, coma quen mira con desprezo a alguén doutra etnia. Sería importante ter nas escolas unha materia sobre isto, pero preferimos ter relixión.

Que acollida está a ter o libro?

Diso non me din moito na editorial, así que non o sei. Creo que está a ter unha boa acollida porque recibo moitas mensaxes de xente dicindo que lles gusta, pero en realidade o oitenta por cento das persoas que me seguen son estranxeiras e, desa cantidade, entre o sesenta e o setenta por cento son anglofalantes. Sei que hai unha parte desa xente que compra o libro aínda que estea en español, pero non ten demasiado sentido.

Como ves o mundo da ilustración nesta cidade?

Moi precario. Non podo falar obxectivamente porque levo pouco no sector, pero levo toda a vida intentando dedicarme a isto sen conseguilo. Agora, como as redes sociais te propulsan fóra e podes traballar desde a distancia, é un pouco máis doado. Pero a ilustración, a fotografía ou mesmo a música, todo o relacionado coas artes, é moi complicado. Se non es do mundo da industria, aquí estás moi fóra.

E como responde o público?

Aquí non estamos afeitos a consumir ilustracións, é necesario potenciar estas artes para que se valoren. Encántame a iniciativa de Vigo Cidade de cor e á xente encántalle tamén, pero haino que poñer ben á vista.

Contemplas a posibilidade de dedicarte a isto?

REVISTA NOVEMBRO

Véxoo moi complicado. Así e todo, gustaríame dicir que todos os atrancos e dificultades, pagan a pena mil veces. Aínda que non teñas un soldo fixo, o máis gratificante do mundo é facer o que che gusta.

Texto: Tamara Novoa
Fotos: Pablo Vázquez

[Esta entrevista pertence á revista A movida de Xaneiro. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.