CAMELIAS MASCOTAS

Máis dun terzo das bandas dos nosos festivais son galegas

Tomando como referencia nove festivais galegos que xa teñen a súa programación pechada, atopámonos con que máis dun terzo (41%) das bandas que actuarán neles son galegas. Na parte alta da táboa destacan The Wild Fest, que se celebrará a comezos de setembro no Parque Forestal de San Miguel de Oia, e o Revenidas, tamén en setembro pero en Vilaxoán de Arousa; na parte baixa, o arousán Atlantic Fest e o baionés Barbeira Season Fest, que só conta con dúas bandas galegas, casualmente ambas de Vigo.

REVISTA NOVEMBRO

Os seguintes datos foron sacados dos carteis dos diferentes festivais galegos que a estas alturas xa pecharon a súa programación. Polo tanto, quedan fóra algúns como o Morriña Festival (que polo momento só confirmou unha banda galega), Festival de la Luz ou Sinsal, que como é habitual, non adianta o seu cartel ata chegar á propia illa de San Simón.

O festival vigués TerraCeo tamén entra dentro desta categoría, xa que a día de hoxe continúa anunciando novas datas. Ademais, parte dos artistas locais que suben ao escenario da terraza do auditorio fanno como teloneiros, con actuacións entre os 20 e os 30 minutos. Tamén é de xustiza destacar que outas moitas bandas viguesas e galegas actúan como artista principal, como é o caso de Eladio y los Seres Queridos, The Soul Jacket, Os Resentidos, Andrés Suárez, Baiuca ou Bala. En todo caso, pola súa duración diferénciase moito do resto de eventos, que como moito nin chegan ao mes de programación, no caso de O Son do Camiño.

A simple vista semella que case a metade da programación do TerraCeo é de orixe galega mais, como diciamos, non debemos poñer na mesma balanza un teloneiro local que toca 20 minutos cun artista de fóra que actúa hora e media. Nese caso, valorando máis a duración da actuación que o número de intérpetes (poñamos que tres teloneiros convalidan unha actuación principal) nos quedaría máis ou menos un 30% de representación da casa en todo o festival, que como dicimos arriba, aínda non confirmou toda a súa programación.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.