CAMELIAS MASCOTAS

Máis de 100 expositores daranse cita en Vegana o próximo outubro

A cor e a ilusión son os protagonistas do cartel de Vegana 2021, a Primeira Feira Vegana e Sostible de Galicia que se celebrará os días 23 e 24 de outubro no Instituto Feiral de Vigo (IFEVI). Un punto de encontro para todo tipo de persoas curiosas e comprometidas coa sostibilidade, o mundo animal e o medio ambiente.

O sábado 23 e o domingo 24 de outubro daranse cita máis de 1000 expositores na 1ª edición de Vegana. Aínda que se tratará dun evento principalmente gastronómico onde se darán a probar ao público novas alternativas alimenticias sen ingredientes de orixe animal, nas casetas tamén haberá sitio para a moda sostible, cosmética, adegas, artesanía, xoguetes, pequenos electrodomésticos e todo tipo de alternativas ao plástico dun só uso. E como non podía ser doutro xeito, tamén haberá espazo para asociacións, santuarios de animais e refuxios, que amosarán o necesario e extraordinario que é o seu traballo.

A aposta por eliminar ou reducir o consumo de carne, ovos, lácteos ou peixe foi conquistando a unha boa parte da sociedade que tamén quere levar unha alimentación máis saudable e, sobre todo, fomentar unha industria que sexa sostible e respectuosa cos animais e o planeta. Este cambio de tendencia colectiva está a motivar a aparición de novas empresas que poñen o foco no público comprometido que non quere renunciar a ningún sabor. Moitas delas formarán parte de Vegana 2021 onde, ademais de ofrecer aos asistentes degustacións gratuítas, tamén aproveitarán a oportunidade para dar a coñecer os seus produtos máis novos. Tal sería o exemplo de GrinGrin FoodsHeura ou Guakame.
Outro dos grandes desafíos da gastronomía vegana é atopar substitutos do queixo. Na feira haberá varios expositores, nacionais e internacionais, dedicados especificamente a este tipo de produto nos seus diferentes formatos.
Para a xente máis golosa, a feira incluirá a versión vegana dos doces máis clásicos, tamén na súa versión sen glute para as persoas celíacas e apta para intolerantes á lactosa que estrañan darse un capricho de cando en vez.

Non todo é xantar, tamén hai unha gran oferta cultural. Por un lado, a chef de cociña vegana Míriam Fabà, creadora de Veganeando acudirá á feira para presentar o seu novo libro Veganeando: 80 recetas fáciles, saludables y caprichosas. Por suposto, asinará o exemplar a todas aquelas persoas asistentes interesadas. Por outro, a música en directo de Luis Carrillo e Sassy (Sandra Barreiro), que compartirá espazo coas degustacións, os showcookings, as charlas e puntos de información nutricional, e mesmo coas sesións de maquillaxe 100% vegano.

REVISTA NOVEMBRO

Os máis cativos tampouco terán tempo para aburrirse, cunha chea de actividades especialmente para eles. Obradoiros de cociña, actividades lúdicas sobre nutrición e sostibilidade, contacontos… son só algunhas das opción para os pequenos da casa.

As entradas para o evento están dispoñibles para a súa adquisición a través da plataforma Entradium. O seu prezo en venda anticipada é de 3 € para un día e 5€ para os dous días. A entrada será gratuíta para menores de 12 anos, maiores de 65, persoas en situación de desemprego e persoas en situación de diversidade funcional.

Ao longo das próximas semanas iranse revelando moitas outras sorpresas, pero a organización de Vegana 2021 xa aconsella ás persoas asistentes que vaian á feira con moita fame e tuppers baleiros!