CAMELIAS MASCOTAS

Lucía Trigo (psicóloga): «Tes dereito a vivir a túa vida con calma independentemente do corpo que teñas»

Lucía non sufriu as consecuencias da gordofobia en carne propia, pero no seu día coñeceu a unha persoa que estaba loitando cun trastorno de conduta alimentaria (TCA), e a súa intención de estudar Psicoloxía volveuse decisión firme ao entender que había moita falta de información sobre este tipo de problemas derivados do coñecido como sobrepeso.

A día de hoxe, xa especializada en Psiconutrición, confirma nas súas consultas en liña que as dietas tradicionais só fan, en moitos casos, que a relación da paciente (máis do 80% das persoas que atende son mulleres) cos alimentos se agrave. Para Lucía, a relación entre corpo, o que inxerimos e as emocións derivadas son unha simbiose que sempre se debe ter en conta.

Para facer máis comprensible a magnitude dos TCA, explícaos como se fosen un iceberg: a parte visible son os síntomas (aumentar ou reducir a inxestión de alimentos, facer comentarios recorrentes sobre a aparencia física, un interese acusado polo exercicio físico…), pero o que se esconde baixo a pel é o máis importante e o que pode derivar nun problema grave. Aí é onde a psicoloxía fai o seu traballo de investigación; aparecen conflitos interpersoais, familiares, traumas e medos… Todo o que non se ve tras un físico que se sae da norma establecida.

Sen restarlle importancia á saúde física, Lucía destaca a necesidade de coidar e vixiar a mental: ansiedade, sentimento de culpa, incomprensión ou rechazo, depresión. Neste contexto hai que ser claros, falar da realidade diaria: un TCA pode derivar en suicidio se non se traballa a tempo.

Cando lle preguntamos por sinais que nos avisen de que temos unha mala relación coa comida, dános varias pistas: a elección de dietas altamente restritivas, o castigo despois de comer alimentos que consideramos prohibidos ou non aceptar a fame emocional.

REVISTA NOVEMBRO

As ferramentas de Lucía para recuperar esa simbiose entre corpo e comida que tanto defende son a autocompasión, o respecto cara unha mesma e o autocoñecemento. Deste xeito, fortaleceremos a nosa autoestima e confianza e, polo tanto, o noso benestar. Non esquezamos nunca que cada persoa é única, non hai dous corpos iguais, diga o que diga o sistema.

680 205 734 ou a través do seu correo info@luciatrigopsicologia.es / @luciatrigo_psicologia

Noelia Álvarez
Redactora