Límbico, o novo proxecto do músico vigués Iago Marta, inicia un ‘crowdfunding’
Mediante esta campaña de micromecenado, que estará dispoñible ata finais de maio, buscan a financiación necesaria para a fabricación en vinilo do primeiro traballo homónimo de Límbico. Este novo álbum do guitarrista vigués Iago Marta, rodeado doutros destacados músicos locais, ten pensado ver a luz entre os meses de xuño e xullo.
Se en ocasións xa non é tarefa sinxela escribir sobre música, imaxinade se falamos do disco debut dun grupo de recente creación. Con todo, o making of da gravación (realizado pola viguesa Sara Traba) déixanos unhas pequenas pílulas do que será este primeiro elepé de Límbico: un jazz con pinceladas de folk e improvisación. Unha música orgánica que se funde á perfección co lugar onde a gravaron, os Estudios Ancestral, preto de Pontecaldelas: “É un lugar que transmite un ambiente bucólico, tranquilo e evocador”, comenta Iago Marta, o ideólogo detrás de Límbico.
A pesar de ser un proxecto persoal que comezou chamándose Iago Marta Trío (nótese a deformación profesional do mundo do jazz), actualmente sumou varios membros ata formar un quinteto “máis íntimo e estable”: Diego Alonso ao saxo, Margarida Mariño ao violoncello, José Manuel Díaz ao contrabaixo, Héctor Agulla á batería e o propio Iago á guitarra, arranxos e composición. Xunto con Noar (un dúo formado con Rubén Fernández) é o primeiro grupo que crea tras a súa volta de Barcelona, onde residiu máis dunha década: “Chegado o momento pregunteime se quería vivir toda a vida na gran cidade ou volver, e creo que foi unha boa decisón”, celebra.
O guitarrista calcula que o disco poderá escoitarse de maneira dixital en xuño e en vinilo, se conseguen os 1600€ da campaña, a comezos de xullo. Un proceso largo e custoso pero que na súa opinión paga a pena: “É o eterno debate para os grupos pequenos, facer formato físico ou lanzalo só en dixital (como no caso de Noar). Penso que a xente xa non escoita os CD, e como este proxecto é moi persoal gustaríame facer algo especial, e por iso o vinilo“.
Un vinilo, por certo, que conta cunha fermosísima portada obra do artista vigués Peri Helio, que segundo Marta “representa á perfección a miña música con eses micro-universos que fai. Dinlle dúas ou tres ideas é quedou unha portada preciosa”. A boa nova é que na plataforma Verkami poderedes atopar a opción de mercar o vinilo xunto cunha lámina do ilustrador, unha combinación do máis suxerente.
Deixando á marxe Límbico, o músico opina que a pesar do bo nivel e a entereza dos intérpretes locais, o jazz non pasa polos seus mellores días en Vigo: “O problema é que nos últimos anos pecharon algúns locais importantes, como o Xancarajazz ou El Contrabajo. O jazz é unha música de directo, e se non podes ir a un sitio a ver a xente tocar pérdese a experiencia. Por outra banda, desapareceu o festival que tiñamos [en referencia ao Imaxinasons], que levaba anos funcionando e tras meterse o Concello polo medio só fixeron unha edición máis e adeus”. Para non seguir enumerando desgrazas jazzísticas, quedamos en falar cando pase a pandemia e valorar o estado do tecido cultural e musical vigués. Polo momento non augura nada bo, pero aínda se está a tempo de virar a situación.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024