JORGE PARDO

Leónlagata, bastón que toca o ceo

A deseñadora e artesá Mónica Bastón decidiu deixalo todo para dedicarse en corpo e alma ao que naceu como un pasatempo. Tras estudar Publicidade e Relacións Públicas na Univerdidade de Vigo, Deseño Gráfico Publicitario na EASD Pablo Picasso e Deseño de Moda en Esdemga, atopouse co mundo da cerámica de casualidade e xa non o puido abandonar. Grazas á súa mestra de cerámica, Emilia Guimeráns, descubriu que o que realmente a enchía non era o mundo da publicidade, senón a vía de escape que a artesanía lle proporcionaba.

Armándose de afouteza, decidiu emprender conxugando as súas paixóns: o deseño e a olería, creando así a marca de bixutería cerámica Leónlagata. A idea primoxenia do proxecto xestouse no cuarto onde Mónica se encerraba para debuxar, ler ou escoitar música e desconectar así do día a día. Nese mesmo espazo empezou a crear pezas de xoiería por puro pracer, e foi León, a gata que tiña daquela, a que a acompañou durante todo o proceso, polo que esta marca de colgantes e pendentes de cerámica leva ese nome co que a artista dá pé a unha fusión entre o ser humano e o felino. Entre as creacións de Leónlagata podemos atopar a colección Astro, chea de estrelas, galaxias e luceiros para as terrícolas máis marcianas. As formas sinuosas e as cores pastel fan que as orellas e o pescozo luzan mellor que nunca, tanto a diario como en ocasións especiais. Ademais, nun futuro próximo, Mónica ten pensado botar a andar unha colección de cerámica para o fogar e recuperará algunhas pezas de deseño téxtil para lembrar a andaina polo mundo da moda.

Quen se queira paramentar con xoias que son toda unha festa e pasar a formar parte do cosmos, non ten máis que que visitar leonlagata.com. Apostemos pola auténtica paixón, pola artesanía de noso e por pezas de desenvolvemento sostible, atemporais, creadas de xeito consciente e sen as absurdas imposicións da industria da moda. Leónlagata chega a acadar o ceo!

DEPO
The following two tabs change content below.

Estela Gómez

Estela naceu no 1992 preto do mar. É filóloga, escritora e correctora literaria, amiga do analóxico, a cultura e a moda vintage. No 2021 foi unha das dez escritoras seleccionadas da Residencia Literaria da Cidade da Cultura dirixida por Javier Peña. No 2025 publicou a súa primeira novela. Poderás atopar a Estela na biblioteca, no cine, no museo, no teatro, nun concerto ou no centro da cidade lendo un libro ao sol.

Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)