CAMELIAS MASCOTAS

KI-FI: Sostibilidade rompedora

KI-FI é un laboratorio de creación que xira en torno á moda de autor e que xorde a finais de 2017 da man de Marta Ferrer e Miguel Méndez. Con vocacións interdisciplinares, este tándem artístico elixe o tecido como fío condutor para explorar e desenvolver a identidade da marca. As súas pezas están inspiradas en disciplinas como a fotografía, o vídeo, a música e a pintura, e unha das súas intencións é converter o sentido do humor nunha estética elegante e cómoda, creando roupa multifuncional cunha identidade divertida que rompe coas barreiras do xénero e os canons de beleza.

REVISTA NOVEMBRO

KI-FI naceu como unha marca especializada en suadoiros. Unha peza versátil que se adapta a diferentes fenotipos e que aspira a converterse no eixo central de diferentes estilos. Esta primeira idea foi evolucionando e así, no verán de 2022, KI-FI expuxo unha pequena cápsula da súa colección no Museo do Traxe de Madrid. En setembro de 2023 tivo lugar a presentación oficial da colección completa na Mercedes-Benz Fashion Week Madrid. Dúas semanas despois, a colección foi seleccionada para desfilar no festival European Fashion Passport, en Saraievo. Esta última viaxe supuxo o disparo de saída da nova versión da marca, alén do suadoiro, coa chaqueta como nova protagonista e que experimenta con todo tipo de pezas e accesorios, ademais do colorido e as formas vangardistas que presentan en pantalóns, vestidos ou bolsos.

O proxecto aséntase sobre as bases da sostibilidade cun equipo cen por cento local. As pezas prodúcense no eido rural galego, nunha cooperativa de mulleres emprendedoras, e todas as necesidades búscanse dentro do perímetro da comunidade. As materias primas e os tecidos adquírense en naves onde as marcas máis grandes depositan os excedentes de produción e as tiraxes son moi curtas para cada produto, outorgándolle valor á exclusividade de cada peza, en paralelo ao desenvolvemento dun proxecto non contaminante. Ademais, nun mundo que tende a ao dixital e ao industrial, KI-FI defende as técnicas e procesos manuais, investigando en confección, estampaxe, padronaxe e oficios artesanais, sen medo a montar no tren do futuro, pero sen esquecer de onde vimos e a importancia das mans como ferramenta principal.

As pezas de KI-FI pódense adquirir directamente na web ki-fi.es ou solicitando unha cita previa a través da conta de Instagram @kifi.lab. Tamén se pode visitar o seu estudio situado en pleno centro da cidade, na rúa Real. E cómpre prestar atención ás redes sociais da marca, pois cada certo tempo organízanse eventos en diversos locais da cidade onde se poden atopar as súas pezas. Unha boa base para o futuro da moda.

The following two tabs change content below.

Estela Gómez

Estela naceu no 92 (o ano de Cobi) preto do mar. É filóloga e correctora literaria, cirurxiá de textos, amiga das redes sociais e ten un interese case innato pola moda e a cultura. Estela é aprendiza de todo e especialista en nada, ten incontinencia verbal crónica, e, grazas á mellor das sortes, as palabras danlle de comer.

Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)