vigo turistico
REVISTA ABRIL

Academia Kame: a casa das viñetas

Clases Cómic Vigo, que levaban desde 2010 ensinando debuxo, cambiaron recientemente o nome a Kame. María Vilar e Iago Araujo coñecéronse no curso de cómic dos historietistas vigueses Norberto e Jacobo Fernandez e, cando estes deixaron as aulas, pensaron que sería boa idea tomar a remuda: “O espírito da nosa academia xorde deses dous fantásticos profesionais e apaixoados do cómic”, relata Iago. 

Os inicios nunca son doados: comezaron no salón do piso de Iago, que non tardou en quedar pequeno. De aí pasaron por varios locais nas rúas Uruguai e Urzaiz ata desembarcar, este mesmo ano, nun diáfano local situado ao comezo da rúa Abeleira Menéndez. Alí, ademais de amplas mesas para debuxar e escritorios para traballar co ordenador, contan cunha fermosa exposición de láminas obra do alumnado e unha nutrida biblioteca co máis granado do cómic mundial que os alumnos pode levar a casa como préstamo.

A principal característica de Kame é o seu ensino personalizado con grupos reducidos onde os dous profesores, presentes en todas as aulas, acompañan a cada alumno no seu traballo ou meta particular. Isto inclúe iniciación, mellora de nivel ou a realización dun proxecto propio (cómic, portfolio, libro ilustrado, cartelería, concept art…). Ademais, estas leccións están abertas a todas as idades e niveis

Baixo un reloxo pendurado na parede podemos ler as palabras Ostinato Rigore. Esta frase tamén estaba anotada no estudio de Leonardo da Vinci en Florencia, e con ela lembrábase a si mesmo que para chegar lonxe fai falla constancia, dedicación e vontade: “Parece que os artistas só se poñen a traballar cando lles chega a inspiración, e nós non cremos niso. Non existe a inspiración, existe a práctica constante”, explican. Con todo, para os máis cativos adaptan esta lei para dotala de maior diversión e liberdade porque, ao final, “todos facemos isto porque nos gusta”. Coas crianzas buscan “divertirse, propoñer e acompañar”, ademais de ensinarlles que non hai un único xeito de facer ben as cousas. 

A maiores das clases, ambos profesionais están activos noutros proxectos. Desde 2008 María imparte os sábados o obradoiro de banda deseñada na Biblioteca Juan Compañel e Iago, nese mesmo espazo, organiza desde hai seis anos un club de lectura de cómics o terceiro sábado de cada mes. En parte grazas ao labor de ambos, o catálogo de banda deseñada da biblioteca aumentou de xeito exponencial na última década, pois crearon unha gran demanda deste tipo de contidos entre os participantes das súas actividades.

Banner A Movidiña

Dentro de Kame teñen outras tantas iniciativas programadas para este ano. A primeira recibe a peculiar terminoloxía xaponesa de pechakucha, isto é, charlas de sete minutos nas que os artistas expoñen o seu traballo axudándose de 20 diapositivas que cambian cada 20 segundos. Este dinámico formato queren realizalo co seu alumnado dúas veces ao ano no veciño Café Uf, permitindo que os aprendices poidan explicar os seus proxectos. Tamén fan quedadas para debuxar 12 horas seguidas, reunións grupais para valorar o avance de cada proxecto e a realización de dous fanzines: un infantil no primeiro semestre e outro para adultos no segundo. 

Rúa de Abeleira Menéndez, 26 | kamecomic.com | clasescomicvigo@gmail.com | 686 66 35 51 | @kamecomic

Pablo Vázquez
Redactor

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.