CAMELIAS MASCOTAS

Julia Vaquero: «Non é fácil ser a favorita»

Aos tres meses de vida, Julia Vaquero Sousa (Chamonix, 1970) foi arredada de seus pais, en Francia, para ser criada en Galicia coa súa familia materna, concretamente no concello da Guarda. A tráxica perda de seu pai sendo unha nena fixo que centrase o seu obxectivo vital en dedicarse a correr. Unha relación tóxica e varias depresións apartárona das pistas cando aínda non chegara á trintena. Despois de tocar fondo, a atleta volveu calzar unhas zapatillas deportivas xa no medio século de vida para reconciliarse cos fantasmas do pasado. Tomando un café a carón das pistas de atletismo de Balaídos, onde tanto tempo pasou, declárase moi vencellada a Vigo e afirma que aínda lle queda moito camiño.

Julia Vaquero nas pistas de atletismo de Balaídos | P. Vázquez

Aos 12 anos, marcoume moito a morte de meu pai. Aquela experiencia foi moi traumática, porque o asasinaron e tiven que ir a recoñecer o cadáver, e lembro que foi enterrado o Día de Reis. A morte veulle derivada dun problema de ludomanía do que ninguén o puido sacar. Aquilo provocoume unha depresión e durante un ano non quixen facer nada, pero despois sentín a necesidade de correr. Uns profesores do colexio que eran afeccionados ao atletismo foron meténdome e primeiro gañei un comarcal na Guarda, logo o provincial en Pontevedra, despois o campionato galego en Mondoñedo e, como na Guarda non tiñamos club, fun ao campionato de España en Trujillo, como representante dun colexio de Tui. Gañei aquel campionato contra todo prognóstico. Eu non tiña perfil de atleta, estaba algo gordecha e lembro as atletas catalás que levaban unha indumentaria profesional, namentres que nosoutras levabamos un pantalón de deporte de home cunha camiseta de manga curta. Pero gañei, e iso sorprendeu a todo o mundo.

Aí foi cando os adestradores de Vigo empezaron a fixarse en min, un deles foi Carlos Pérez, logo a través de Rocío Vicente coñecín a Julio Rodríguez, que foi primeiro adestrador que tiven. Como eu seguía vivindo e estudando na Guarda, el enviábame os adestramentos para que eu os puxese en práctica.

O deporte era o último que tiña que facer, primeiro estaban as obrigas: o colexio e axudar nas tarefas do campo. O atletismo non tiña valor na casa; dicíanme que ía romper as pernas, que diso non se vivía… A familia nunca me apoiou.

Quedei decepcionadísima; non conseguín a mínima, e intenteino varias veces. O meu adestrador daquel tempo, Alfonso Ortega, convenceume de que había outra oportunidade de alí a catro anos. Ao rematar os meus estudos de INEF decidimos que me centraría en adestrarme e foi aí cando dei o gran salto e finalmente conseguín clasificarme para Atlanta 96.

Nunca imaxinei que ía durar tantos anos. Manter ese récord durante todo este tempo foi positivo e abriume moitas portas, mesmo me axudou agora, ao retomar o atletismo.

Eu non estaba preparada a nivel emocional para todo aquilo, aí si que precisaría o apoio dun psicólogo deportivo, unha figura que daquela non existía. Eu estaba acostumada a competir en grandes campionatos, pero o da olimpíada resultoume moi grande; eu estaba alí pero non me encontraba nada ben. Tiña moito medo.

«En Atlanta 96 precisaba axuda psicolóxica, pero non a había»

O meu adestrador axudábame un pouco, pero había cousas que el non vía ou non quería ver. Eu tiven problemas coa comida que non me atrevía a confesar; iso estaba relacionado coa presión á que estaba sometida, porque non é tan fácil ser campioa ou a favorita. Nos meus inicios como competidora, o meu referente era Estela Estévez,logo empecei a gañar e iso xeraba en min unha presión tremenda, pois xa non valía nada máis que gañar. Sentía que moita xente daba por feito que eu ía gañar, e iso amolábame, o que derivou nun problema que me condicionou moito en Atlanta.

O cross, que non se valora tanto como debera, deume moitas satisfaccións. A prata no Campionato Europeo de Cross de 1997 e logo o Mundial que estiven a piques de conseguir ese mesmo ano, cando quedei en cuarta posición, pero a moi poucos metros de diferenza. Na balanza, o cross deume máis satisfaccións que a pista, o que pasa é que o que te consagra como atleta é a pista. Logo fixen a miña primeira incursión en asfalto en Zürich, onde conseguín bater o récord galego de medio maratón, que agora acaba de mellorar Esther Navarrate. Eu estaba ilusionada con esa nova perspectiva, pero axiña todo se truncou.

Non foi polo mundial, onde fixen unha carreira moito mellor do que esperaba dada a situación, senón por todos eses problemas que arrastraba. En realidade non foi unha decisión, chegou un momento en que non podía seguir a nivel psicolóxico. Eu era a que corría, o meu adestrador levaba a fama e a miña parella daquela administraba os cartos. Foi esta última persoa a que acudiu a un psicológo que me diagnosticou un trastorno bipolar sen sequera estar eu presente, polo que empezaron a receitarme moitísimas pastillas. Fixen varios intentos por volver ás carreiras, pero non funcionaron e tomamos a decisión de facer un alto no camiño e dedicarme á maternidade, cousa que a outras atletas lles viñera ben, pero non a min. De feito, tiven unha depresión posparto. Eu non estaba preparada para ser nai.

Separeime en 2008, pero aínda despois vivín tres anos máis coa miña exparella. O ano 2019 estiven ingresada á forza, e despois diso encerreime na casa da Guarda, onde vivo actualmente, e botei meses sen saír avergonzada polo medo aos dixomedíxomes. Vivir con tal estigma nun lugar tan pequeno é horrible. A Federación Española de Atletismo soubo da miña situación e ofreceume axuda; falei co Comité Olímpico e pagáronme o tratamento psicolóxico en Vigo, na clínica El Pinar. O doutor Manuel Rego ditaminou que eu non tiña trastorno bipolar senón dependencia afectiva por falta de autoestima. Por ese tempo tamén coñecín o adestrador Franc Beneyto e sentín a necesidade de volver a calzar unhas zapatillas. Xusto o día que en que se facían 25 anos que batera o récord de España dos 5.000 metros, coñecín unha persoa que a nivel emocional me está facendo sentir cousas que non coñecía e empecei a sentirme valorada e apoiada.

«Son moi autoesixente, pero agora quero tomar o deporte doutro xeito»

Franc quería recuperarme para a vida, sen ningún tipo de obxectivo deportivo. A forma de ser del axudoume moito a recuperar a autoestima e incorporou a bicicleta aos meus adestramentos, que supuxo unha válvula de escape. Estaba moi nerviosa, pero quedei contenta co resultado de Valencia; serviu para demostrarme a min mesma que podía facelo sola, pois Franc adestrábame desde a distancia. Esa carreira reconcilioume co meu pasado deportivo.

Quedei cunha pensión non contributiva, pois durante todo aquel tempo eu non coticei e todo o que gañei durante aquel tempo estaba nas mans do que foi o meu marido, que coa separación quedou con todo. Pero independentemente diso, penso que o máis lóxico sería que os profesionais do deporte cotizaramos á Seguridade Social.

REVISTA NOVEMBRO

Gustaríame que a vida me trouxese algo bo, porque alá foron dúas décadas moi duras en que tiven que recompoñer a miña personalidade. Agora teño un traballo e quero tomar o deporte doutro xeito. Este ano comprometinme cun equipo de ciclismo, pero teño que aprender a dicir que non. Quero facelo todo ben; teño que adestrarme con regularidade e iso non é o que quero agora. Eu son moi autoesixente.

Tamara Novoa
Editora

Pablo Vázquez
Fotógrafo

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.