CAMELIAS MASCOTAS

Juancho Marqués abre este xoves a programación cultural da UVigo

Música, teatro e cine conforman a oferta da programación cultural do primeiro cuadrimestre da Universidade de Vigo, que comezará este xoves co concerto do rapeiro Juancho Marqués e se prolongará ata mediados de decembro.

O rapeiro Juancho Marqués presentará as cancións do seu último traballo, ‘Álbum Uno’

O rapeiro Juancho Marqués será o encargado de subir o pano da programación este xoves cun concerto solidario a prol de Enxeñería Sen Fronteiras, coa finalidade de recadar fondos para o desenvolvemento dun programa de acceso á auga no golfo de Fonseca (Honduras). O donativo de dous euros, que inclúe o pase obrigatorio que se debe retirar para acceder á actuación, destinarase a un proxecto que a ONG, creada hai 25 anos na Universidade de Vigo, está a desenvolver no sur do país centroamericano. Para asistir ao concerto é preciso previamente retirar un pase que poderá recollerse o mércores entre as 12:00 e as 16:00 horas e o mesmo xoves desde ás 12:00 horas no teatro de Cidade Universitaria.

O teatro dará a remuda ao rap o 7 de novembro coa actuación de Chévere, que porá en escena a obra Curva España. Logo dun laborioso traballo de documentación e entrevistas,  recuperan a historia que rodea á curva España, situada na antiga carreteira de A Gudiña a Verín, e coñecida por este nome en lembranza do enxeñeiro José Fernández España, que morreu neste lugar, cando realizaba o deseño do trazado da variante sur da liña ferroviaria Puebla de Sanabria-Ourense. Miguel de Lira, Patricia Lorenzo, Lucia Estévez e Leticia T. Blanco, compoñen o elenco de actores e actrices desta obra.

REVISTA NOVEMBRO

Pola súa banda, Sarabela Teatro representará o 27 de novembro Crónicas do paraíso, unha versión libre das Crónicas de Sochantre, de Álvaro Cunqueiro. A obra presenta cinco personaxes na súa viaxe cara o funeral do Fidalgo de Quelven, unha trama que serve como escusa para una posta en escena con vocación contemporánea na que se mesturan a danza, a linguaxe non verbal e o texto. Dirixida por Gonçalo Guerrero, a obra está interpretada por Elena Seijo, Fernando Dacosta, Fran Lareu, Fina Calleja e Sabela Gago.

Por último, o 4 de decembro chegará a musica de De Vacas, “catro vacas que cantan e rin”, como elas mesmas se definen. Faia Díaz, Inés Salvado e Paula Romero, ás voces e Guillerme Hernández á guitarra mesturan voces e guitarra todos os idiomas, facendo versións, atinadamente “retranqueadas”, de temas internacionalmente coñecidos. De Vacas reivindican o “guachinein, esa lingua minorizada”, din elas, que tamén se recoñecen “amantes dos nosos poetas e de Enrique Iglesias”. Todas as actuacións serán a partir das 18:30 e de balde, agás a de Juancho Marqués.

O cine tamén terá protagonismo na programación cultural do primeiro cuadrimestre por partida dobre. Entre o 31 de outubro e o 11 de decembro proxectarase a triloxía interpretada por Ethan Hawke e Julie Delpy: Before Sunrise; Before Sunset e Before Midnight, así como F for fake de Orson Welles e Good Vibrations de Alex Lisa Barros D’Sa&Glenn Leyburn. Todas as proxeccións, que serán presentadas polo profesor do Centro de Linguas Keith Payne, comezarán ás 20.00 horas no auditorio do Edificio Cambón do Casco Vello. Pola súa banda, a Semana de Cine Submarino, que acada a 27 ª edición, desenvolverase entre os días 20 ao 22 de novembro no teatro Afundación.