REVISTA ABRIL

Juan Teixeira retrata o colapso da sociedade do século XXI

O fotógrafo e colaborador da revista A Movida Juan Teixeira inaugurou o pasado venres na Casa das Artes a exposición Sociedade XXI, unha mirada honesta, artística e crítica do mundo no que vivimos hoxe. A inxustiza, o capitalismo, a guerra ou o caos son algúns dos temas representados nestas poderosas imaxes tomadas nos últimos 15 anos. A mostra estará dispoñible ata o 30 de outubro, con entrada de balde.

Juan Teixeira na porta da Casa das Artes, coa exposición de fondo | P. Vázquez

Un home adulto observa, coas mans ás costas, un buque enferruxado na illa de Kish, en Irán. A localización e o título, Aditiva hecatombre, son a única información que recibimos da instantánea. Juan Teixeira, o autor desta e das outras 80 imaxes, refusa dos pés de foto para obrigar ao espectador a realizar un exercicio de imaxinacón: cando foi tomada? que estaba a acontecer? cal é o contexto sociopolítico do país? Esta fermosa fotografía é a escollida por Teixeira para ilustrar Sociedade XXI, unha mostra que nos ensina a través dos seus ollos o colapso do mundo moderno: “Nós somos ese señor mirando o naufraxio da nosa sociedade nunha paraxe todavía chea de beleza”, sinala.

A exposición fai un percorrido aos 15 últimos anos de traballo de Teixeira, nos que viaxou por máis de 40 países, entre eles algúns non recoñecidos internacionalmente como Transnistria, Palestina ou Nagorno Karabakh. “Lembro perfectamente a primeira viaxe en solitario que realicei coa miña cámara”, comenta no texto que acompaña a mosta. “Nunha época na que percorría mundos descoñecidos sen móbil nin ningún tipo de rede de seguridade, fotografar converteuse na miña única obsesión“, engade despois, e admite que este exercicio tamén lle servía para “manter a cabeza entretida”.

REVISTA ABRIL

Ao outro lado do visor: guerras, fame, violencia, migracións forzosas, campos de refuxiados, desigualdade e caos. Con todo, as súas fotografías fuxen do sensacionalismo para achegarnos, da man da beleza e da visión artística, a unha realidade sempre dura e inxusta. Teixeira opina que non é preciso mostrar mortos ou sangue para ensinar a crueldade da guerra e da sociedade actual, malia que é o que máis se lles demanda aos fotoxornalistas independentes coma el. A empatía, nas súas palabras, é a maior virtude dun fotógrafo.

A través destas 81 fotos viaxaremos pola India, Filipinas, Ucraína, Cuba, Irán, Marrocos ou os Territorios Palestinos Ocupados. Neste último caso, por exemplo, destaca unha sinxela foto dun neno cunha camiseta de Tom & Jerry apoiado nun muro. A metáfora entre a serie de debuxos, na que o gato persegue ao rato, e a situación política nese lugar resulta evidente, aínda que no mundo real non sexa Jerry quen gañe. O ollar irónico de Teixeira está moi presente en moitas fotografías, onde utiliza ese humor ácedo para mostrarnos as incoherencias do capitalismo, da globalización ou do militarismo.

En Galicia, a vida de Juan é ben distinta e representa a realidade de moitos artistas freelance: “A pesar do brutal cambio de escenario, a forma de fotografar sempre foi a mesma. Como o fixen igual en multitude de vodas e outros eventos que cubrín para financiar as miñas viaxes“, explica . As inxustizas do mundo, a nivel económico, social e medioambiental, son o motor que leva a Teixeira a facer milleiros de quilómetros coa cámara ás costas. A hipocresía como gasolina, que por desgraza sae aínda máis cara que a de verdade.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.