CAMELIAS MASCOTAS

Josele Santiago (Los Enemigos): “Teño unha conexión moi especial con Galicia, veño sempre que podo”

Este sábado poderemos ver no Morrasound Rock Fest a unha das grandes bandas de rock estatais das últimas décadas; Los Enemigos. Capitaneada por Josele Santiago, poeta e roqueiro a partes iguais, veñen cun novo disco baixo o brazo, Bestieza. Un conxunto de dez canonazos de rock vigoroso e enérxico que lanzaron xusto antes do inicio da pandemia, situación que evidentemente truncou todos os seus plans. Pero como di o propio Santiago, “case nada sae como o temos en mente”.

Josele Santiago actuando con Los Enemigos en el Morrasound | P. Vázquez

Ao outro lado da liña soa unha voz grave, áspera e cavernosa, o cal indica indudablemente que estamos a falar con Josele Santiago (Madrid, 1965). De pluma aceda e guitarra distorsionada, este artista errante leva máis de dúas décadas liderando unha das bandas máis importantes de rock en España, Los Enemigos. Desde o 2004 tamén puidemos seguilo na súa traxectoria en solitario, na que en varias ocasións contou coa colaboración do músico vigués Pablo Novoa.

Coa segunda dose da vacina xa correndo polo seu organismo (“estou como se tivese un rescaón de tres mil pares de collóns”), Josele Santiago admite que ten moitas ganas de tocar de novo en Galicia, “un lugar co que todos temos unha conexión moi especial, sobre todo eu, que vou sempre que podo aínda que non teña bolo”, confesa. Aquí, concretamente no fermoso mirador da Fontenla (Domaio), actuarán no Morrasound Rock Fest, onde presentarán o seu último traballo Bestieza: “Bestiesa en catalán significa animalada, e ben é certo que falando de música rock pode ter connotacións positivas”.

Esa mestura entre besta e beleza é unha boa definición dun traballo que soa fresco e directo, en parte grazas á incorporación de David Krahe á guitarra e Carlos Hernández á produción: “É un disco moi coidado pero sen florituras. Curramos moito, con xornadas intensivas que comezaban ás 10 da mañá e remataban ás tantas da madrugada”, recorda Santiago. Aínda así destaca o bo ambiente que se viviu neses días pre-pandémicos: “Pasámolo moi ben, facianos falta algo así porque viñamos dunha tempada un pouco rara”, referíndose especialmente á saída de Manolo Benítez da formación, quen levaba como guitarrista desde finais dos oitenta.

REVISTA NOVEMBRO

O disco comeza cunha desas cancións que, de non existir, alguén debería crealas. ‘Siete Mil Canciones’, unha oda ao amor que comeza coa frase “El futuro fue, desapareció, si es que alguna vez no estuvo aquí conmigo”, é a perfecta representación do novo son da banda madrileña, que parece gardar baixo chave o segredo que lles permite seguir compoñendo estas melodías tan icónicas: “Non hai ningún segredo, o único é a ilusión, que se a perdes estás fodido”, resume con humor o vocalista. A esa ilusión habería que sumarlle o talento e savoir faire dun cuarteto curtido en mil e unha batallas.

É habitual preguntarlles aos músicos se aproveitaron o retiro do confinamento para crear novas obras. Non foi o caso, pero aínda así Josele confirmou que non foi un período propenso á composición: “Foi unha pandemia nada produtiva, estaba en branco. Sentía que se acababa o mundo. Hai unha obsesión por sacar rédito de todo, e ultimamente xa non pasamos tanto tempo de xira como antes, polo que o meu tempo libre foi máis ou menos o mesmo”. Do que ten ganas de verdade Josele é de “dar caña con Los Enemigos, que nos quedamos coas ganas o ano pasado”, polo que a súa interesantísima carreira en solitario, polo momento, queda relegada a un segundo plano: “Eu comecei a miña carreira en solitario porque nos separamos, basicamente, pero o estilo é similar, só que con diferente vestimenta. Se unha canción vai para un repertorio ou para outro é custión de loxística”.

Dito así, con tamaña sinxeleza, semella que estamos a falar dun produto fabricado en serie, e non de pequenas obras artísticas que requiren de traballo, talento e sensibilidade. Mentres non chegan novas cancións, só ou en compañía, non temos máis que desfrutar dos seus directos ou revisitar algúns dos seus discos, como o xa mencionado Bestieza ou Transilvania, o seu último álbum en solitario ata a data. Porque Los Enemigos dos meus amigos son os meus amigos, ou algo así.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.