Inviste en saúde con Vigoentrena
Ao pé do Castro atopamos Vigoentrena (Rúa Celso Emilio Ferreiro, 7), un centro de adestramento que naceu como club de running aló polo 2012. Dous anos máis tarde adquiriron un ximnasio, e desde aquelas o proxecto non fixo máis que medrar. Na actualidade son referencia xa non só en running, senón en adestramento para embarazadas, na recuperación tras o parto e mulleres diagnosticadas con cancro de mama. Actualmente realizan case todas estas actividades de maneira online, con vistas a que deixen volver aos ximnasios canto antes.
Está demostrado que facer exercicio con asiduidade ofrece reservas inmunolóxicas, masa muscular e maior calidade de vida. Ademais, ten un efecto analxésico e antidepresivo, e como indica Jorge Torres, cofundador do centro, “sen efectos secundarios, non como os medicamentos”. Non só é beneficioso para nós mesmos, tamén o é para a sociedade: “Realizar exercicio físico reduce moito os gastos sanitarios e os períodos de intervención”, algo de gran importancia nos tempos que corren.
O abano de posibilidades en Vigoentrena é do máis amplo: adestramentos completos individuais ou en grupo, exercicios especializados para persoas con problemas de costas ou de xeonllo, running e marcha nórdica en exteriores, preparación para oposicións… Pero sobre todo buscan especializarse en disciplinas que moi poucos centros ofertan: “No apartado da muller seguimos incorporando novas metodoloxías ao tempo que avanza a investigación científica no ámbito do exercicio.” Tamén sinala que agora teñen un programa especializado na recuperación de lesións de xeonllos, que consiste en adestrar previo a operación e despois da ciruxía.
Xa o mencionamos ao principio, pero cómpre deterse con máis calma nos adestramentos para embarazadas e de recuperación tras o parto. Debido á enorme demanda, trátase dunha actividade que agora mesmo ten lista de espera: “A miña socia Bea fixo unha das primeiras formacións sobre a materia en Galicia, e desde aquelas continuou a súa especialización. Hoxe en día é unha das referentes nesta área e cada vez temos máis usuarias”.
Unha das actividades que non se realizan a través de plataformas en liña son as orientadas ás mulleres con cancro de mama, xa que falamos dun tratamento moi personalizado que non tería sentido facer de maneira grupal. Esta iniciativa naceu polo 2014, cando unha señora con cancro chamou ao centro dicindo que no seu ximnasio non eran quen de asesorarlle nesta materia. Jorge lembra que así naceu todo: “Queriamos darlle solución ao problema de que moita xente non ten acceso a profesionais que a poidan axudar nestes casos tan específicos, e desde entón non deixamos de formarnos na materia”. De feito, Torres está na actualidade a facer un doutoramento de marcha nórdica e cancro de mama coa Universidade de Vigo e o Hospital Meixoeiro. A pesar de non darlle demasiada publicidade, xa que se trata dun servizo moi íntimo, cada vez están a ter máis xente, polo que desde hai un ano crearon unha unidade de rehabilitación, coñecido como Programa Curie, en conxunto cun fisioterapeuta e osteopata e unha fisioterapeuta obstétrica, tanto para o cancro de mama como para o de próstata.
A continuación deixámosvos cun breve vídeo no que Pablo Domínguez, un dos adestradores de Vigoentrena, nos amosa unha serie de exercicios que podemos facer na casa estes días:
VIGOENTRENA
DIRECCIÓN: Celso Emilio Ferreiro, 7 36203 Vigo
TELÉFONO: 886 11 14 81
WEB: vigoentrena.es
FACEBOOK: @vigoentrena
INSTAGRAM: @vigoentrena
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Revista de Nadal: A cultura a exame - 5 Decembro, 2024
- A cultura de Vigo a exame - 3 Decembro, 2024
- O libro que demostra que os anos 80 en Galicia foron moito máis que a Movida Viguesa - 29 Novembro, 2024
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024