JORGE PARDO

Inmortalizar a Reconquista ten premio

A organización da Reconquista de Vigo convida aos vigueses a plasmar a esencia da festa a través do Concurso Fotográfico Reconquista da Vila de Vigo. O prazo para participar está aberto ata o 14 de abril e repartiranse 800 € en premios.

Reonquista 2019 | Pablo Vázquez

A Asociación de Veciños do Casco Vello lanza a terceira edición do Concurso Fotográfico Reconquista da Vila de Vigo co obxectivo de animar á cidadanía a “amosar ao mundo o que significa para nós este evento”. O certame busca inmortalizar os momentos máis épicos da festa, como traxes, loitas, música e o ambiente vibrante que a caracteriza.

DEPO

Poden participar todas as persoas que o desexen, cun máximo de tres fotografías por persoa que deben ser orixinais e inéditas, tomadas no concello de Vigo e relacionadas directamente coa Reconquista. Pódese usar calquera medio fotográfico, en cor ou branco e negro, e a entrega pódese realizar tanto en formato físico nas oficinas da AVC Casco Vello (rúa Cánovas del Castillo, 2, baixo) ou ben en formato electrónico no enderezo de correo electrónico info@cascovellovigo.gal. O prazo de presentación remata o 14 de abril e as bases completas pódense consultar na web da Reconquista.

O concurso conta con premios en metálico: 300 € para o primeiro premio, 200 € para o segundo e 100 € para o terceiro, ademais da posibilidade de premiar cun accesit de 50 € a catro traballos. O xurado está composto por dous membros da Asociación de veciños Casco Vello e un membro da Agrupación Fotográfica Galega. Os gañadores anunciaranse o 3 de maio, na Festa dos Maios.