Helte Design: vodas sen estrés
Helena decidiu crear Helte Design para dedicarse ao que máis lle gustaba e mellor sabía facer: organizar eventos. Esta idea rondáballe pola cabeza desde os seus anos de estudante de Publicidade e Relacións Públicas; de feito, o seu traballo de fin de grao versaba sobre esta iniciativa. En 2019 decidiu recuperar esta idea e non tardou en unírselle a súa irmá, Mar. «Xuntas traballamos moi ben porque temos moita confianza e podemos falar con total transparencia», afirma Helena.


O principal labor da empresa é a organización de vodas, para as que ofrecen diferentes servizos: un asesoramento en liña, distribuído en catro sesións, para que as parellas que prefiran arranxar o tema pola súa conta poidan resolver certas dúbidas sobre a organización integral do evento, desde a idea inicial ata a lúa de mel: contacto con provedores, calendario, decoración, orzamento, visitas… O servizo de decoración e deseño outórgalle á celebración un acabado estético inmellorable. Helena asegura que se busca que os noivos desfruten, «tanto do proceso como do día da voda, que deleguen o máximo posible e non se preocupen dos imprevistos e contratempos que poidan xurdir».
As redes sociais poden ser un bo método para atopar inspiración de cara á organización dun casamento, pero moitas veces pode acabar por xerar unha saturación de propostas para un único día. «Gústanos traballar con calma e tranquilidade, para que os noivos non se volvan tolos entre tantas ideas e opcións». Trátase dunha xornada de diversión, non de que os convidados non teñan nin tempo para facer todo o planeado, por iso é importante contar cun bo asesoramento nunha época tan sobreestimulada. No blog da súa páxina web tamén podemos atopar algúns consellos e datos de interese sobre decoración, moda ou viaxes.

A maiores das vodas, Helte Design organiza outro tipo de eventos privados, como actos de empresa, festas de aniversario, inauguracións, presentacións… Outra vertente da compañía é Manolita Estudio, centrada na comunicación e no deseño gráfico para empresas e particulares. Sempre con calma e tranquilidade.
heltedesign.com | info@heltedesign.com | 634429074 | @heltedesign_
Pablo Vázquez
Redactor
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- O Celta e os murais, unha relación problemática: Lula Goce e Davida denuncian malas prácticas - 14 Febreiro, 2025
- Atípico Circo: malabares, equilibrios e diversión en familia - 4 Febreiro, 2025
- Vigo queda fóra do mellor da cultura galega e sitúase en último lugar a nivel estatal - 30 Xaneiro, 2025
- Domingo Villar xa forma parte do museo escultórico da Alameda - 29 Xaneiro, 2025
- Tina Estarli, acróbata do Cirque du Soleil: “O importante non é que unha persoa destaque, senón que destaque o show” - 22 Xaneiro, 2025