CAMELIAS MASCOTAS

Grupos en Loita denuncia que non se celebrase o festival Rock in Vigo prometido polo Concello

A plataforma de artistas musicais Grupos de Vigo en Loita denuncia que o Concello de Vigo incumpriu a promesa de celebrar o festival Rock in Vigo de bandas viguesas e galegas entre o 9 e o 12 de xuño, como antesala ao concerto de Guns N Roses.

REVISTA NOVEMBRO

O alcalde Abel Caballero anunciou en marzo deste ano, que os días 9, 10, 11 e 12 de xuño celebraríase na Porta do Sol o Festival Rock in Vigo. Un evento pensado para caldear o ambiente previo ao concerto de Guns N Roses en Balaídos, no que participarían bandas viguesas e galegas. O festival non se celebrou e desde a plataforma Grupos de Vigo en Loita denuncian que “o Concello non deu ningunha información ao respecto, nin contactou con ningunha banda viguesa ou galega para participar neste evento”.

Grupos de Vigo en Loita naceu a comezos do 2022 para solicitar a reapertura de Vigosónico, pechado pola pandemia e que pese a varios anuncios de reapertura por parte do Concello, permaneceu pechado ata hai tan só unhas semanas. Desde a plataforma explican que a pesar de ter solicitado en reiteradas ocacións unha reunión con alguén do Concello, a única vez que se lles atendeu foi a comezos de 2022. Unha reunión coa concelleira de Xuventude, María del Carmen Lago Barreiro quen “prometeu que habería bandas locais na programación de concertos do Concello ese verán”. Desde a plataforma sinalan que “esa promesa, como o resto dos compromisos que adquiriu ese día, non se cumpriron, polo que o seguimos reivindicando ininterrumpidamente ata o día de hoxe”. Grupos de Vigo en Loita acusa tamén a ausencia de grupos vigueses teloneando os concertos de Castrelos e recordan que “ningunha destas ideas iguala o memorable festival Alternavigo, que no seu momento contara co apoio da Tenencia de Alcaldía do BNG no primeiro Goberno de Caballero en 2008 e 2009, pero que morreu por falla de apoio institucional”.

Esta denuncia de Grupos de Vigo en Loita chega un día despois de que as promotoras do concerto de Guns N Roses anunciasen unha rolda de prensa (finalmente desconvocada) para dar a coñecer as medidas xurídicas e legais que tomarán contra o Concello de Vigo e o seu alcalde Abel Caballero pola súa mala praxis. Cabe recordar que o concerto de Guns N Roses estivo a piques de non celebrarse porque as promotoras Live Nation e Sweet Nocturna non recibiron os 1,9 millóns de diñeiro público prometido polo alcalde para a celebración do devandito concerto.