Green Day, do soto de La Iguana ao ceo do Monte do Gozo
Este xoves 31 de maio arrancou a quinta edición do Son do Camiño, o festival xeneralista máis multitudinario de Galicia. O cartel, como outros anos, destacaba polo seu eclecticismo, pero sen dúbida había un nome que brillaba sobre o resto: os norteamericanos Green Day, que volvían a Galicia tres décadas despois de actuar en La Iguana Club.
Esta vez si, a climatoloxía acompañou ao Son do Camiño, que arrancou a súa quinta edición cun sol de rigor. A xornada comezou ben cedo, ás 15:20 coa actuación do galego Amoebo, ao que sucederon Hot Milk e os vigueses Maryland. The Interrupters foi o primeiro grupo que reuniu a un grupo notable de público, que desfrutou do seu divertido punk ska. Fernandocosta, acompañado pola súa banda, mesturou temas de rap máis tradicional con outros momentos que se asemellaban ao rap metal de Rage Against the Machine. Mesmo versionaron un tema da banda estadounidense.
Os murcianos Arde Bogotá, unha das bandas de rock máis populares dos últimos anos, continuaron co seu idilio no escenario Estrella Galicia. O público, entregado, coreou con paixón os seus retrousos (que repetiron quizais en exceso). A pesar da súa boa actuación, é difícil non pensar que estamos vendo un reboot de Héroes del Silencio e, ao igual que pasou cos aragoneses, despertan opinións encontradas.
J Balvin era un dos pratos fortes da primeria xornada do Son do Camiño. O reguetoneiro de Medellín actuou xusto antes de Green Day, o que demostra que unha das características principais do festival compostelán é a variedade de estilos. Ata ese momento foi o único artista dos escenarios principais que prescindiu de músicos en directo, con todas as bases pregravadas (incluíndo pistas de voz e colaboracións, como a de Rosalía en ‘Con altura’). En ocasións semellaba que utilizaba máis o micrófono para facer comentarios trasnoitados (como preguntar ás mulleres “maiores de idade” se o querían levar a durmir ás súas casas porque el non tiña hotel) que para cantar. O máis destacado foi a aparición dun espontáneo coa máscara de Spiderman e a rave final, cos bailaríns caracterizados de alien.
Green Day: de La Iguana Club ao Monte do Gozo
Green Day volvía pisar terras galegas despois de 31 anos, cando actuaron un luns 26 de abril de 1993 na mítica sala viguesa La Iguana Club. Faltaba un ano para a publicación de Dookie, o primeiro gran disco que os catapultou á fama internacional, polo que daquelas aínda eran un descoñecido grupo de punk rock californiano. En 2001, xa sendo famosos pero sen atravesar polo seu mellor momento musical, estiveron a piques de actuar en Castrelos, pero un accidente de coche dun dos seus compoñentes botou por terra o esperado regreso.
Ás 22:30 da noite, despois da breve performance dun coello sobreestimulado, saíron a escena os tres membros de Green Day, os mesmos de sempre desde a súa formación en 1982 baixo o nome de Sweet Children: Tré Cool á batería, Mike Dirnt ao baixo e Billie Joe Armstrong á guitarra e voz. Este último, frontman carismático, non deixou de moverse nin arengar ao público durante as dúas horas de actuación. Mentres as nosas frontes vanse ancheando e imos peinando canas cos anos, Armstrong semella estar cada vez máis novo e enérxico, como se levase dúas décadas crioxenizado.
Abriron o show con ‘The American Dream is Killing Me’, un dos sinxelos do seu último disco Saviors. A partir de aí aconteceu algo pouco habitual na actuación dun grupo da súa envergadura nun festival. Aproveitando o 30º aniversario de Dookie e o 20º de American Idiot, os dous seus discos máis famosos, decidiron interpretar ambos de xeito íntegro. Da primeira á última canción.
A decisión é moi arriscada, pero tamén moi valente. Nunha época na que cada vez se escoitan menos os discos e máis cancións soltas, dárlle esa importancia a dous álbumes é algo digno de admirar. Por suposto é unha escolla que se basea na nostalxia de dous traballos icónicos que marcaron a moitas das persoas do público, pero atreverse a tocalos enteiros (incluso coas cancións menos famosas ou propicias para o momento do concerto) merece o maior dos respectos a unha banda que xa conta con catro décadas de traxectoria e non precisan facer ningún tipo de magas para chamar a atención.
Así, como dicimos, na primeira metade tocaron o Dookie completo, esa obra mestra do punk rock que inclúe himnos como ‘Welcome to Paradise’, ‘Basket Case’ ou ‘When I Come Around’. Todos estes temas interpretáronos en formato cuarteto, cos tres membros orixinais máis un guitarrista de apoio. A transición entre álbumes estivo formada por ‘Know You Enemy’, cando Armstrong aproveitou para subir ao escenario a unha emocionada fan; ‘Dilema’, do último disco; e ‘Brain Stew’, de Insomniac.
Máis ou menos unha hora despois do comezo do concerto soaba outro dos himnos inmortais de Green Day, ‘American Idiot’. Un inchable xigante coa ilustración da portada (unha man apretando un corazón/granada) alzouse detrás de Tré Cool. American Idiot supuxo no seu día a volta de Green Day ao alto das listas de éxitos e ao podio do rock internacional. O disco é unha ópera rock protagonizada por Jesus of Suburbia, un antiheroe creado por Armstrong, onde aproveitan para criticar a sociedade estadounidense do seu tempo, daquelas gobernada por George Bush Jr.
Ademais do tema homónimo, American Idiot contén cortes tan coñecidos como ‘Holiday’, ‘Boulevar of Broken Dreams’ ou ‘Wake me up when September Ends’, o momento lacrimóxeno da noite. Pecharon coa gran ‘Minority’ (na que Dirnt mostrou unhas molestias na man esquerda) e ‘Good Ridance (Time of your Life)’, interpretada en acústico só por Billie Joe Armstrong.
O primeiro concerto da xira europea foi redondo, especialmente para todos aqueles fans que leven moitos anos seguindo a Green Day. Non faltaron a pirotecnia, confeti, petardazos (quizais demasiados) e os clásicos eeeeoooo co público. Poucas veces un grupo desta importancia repasa de xeito íntegro dous discos capitais da súa discografía, polo que o vivido na noite do xoves no Monte do Gozo podería calificarse de histórico.
Iso non impide sinalar que o son, en xeral durante o festival pero en especial na actuación de Green Day, fose moi mellorable. As fortes rachas de vento fixeron honra ao nome do festival, pois o son perdeuse polo camiño. Se xa no foso o volume estaba baixo e a calidade era tibia, non quero imaxinarme no resto do auditorio. Por seguir cos debes, o servizo de buses tampouco foi o mellor: as indicacións non sempre eran claras e tanto á ida como á volta había que camiñar case media hora. Son detalles que a organización debe ter en conta para seguir mellorando a experiencia do que quere ser o gran festival de Galicia.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024