VIALIA
bannerPicnicSesions

O peso do xuízo alleo

Lance primeiro. Estás diante da porta dun ximnasio, coa tarxeta que te acredita como socia na man. E, de súpeto, como cada vez que o intentaches antes, a mochila na que non levabas máis que a muda e unha botella de auga empézase a cargar cunha tormenta de emocións: angustia, prexuízos, culpa, a sensación de estar ante un castigo que pareces merecer.

Lance segundo. Estás na consulta do médico de cabeceira. É a terceira vez este mes, logo de dúas visitas a Urxencias das que saíches dopada con calmantes musculares. O discurso de sempre: dóenche moito as costas, non podes durmir sen pastillas e non hai profesional que che calme a dor. A resposta do médico tampouco cambia: tes que esperar pola cita en Radioloxía de dentro de tres meses e, ata entón, aconséllache que baixes de peso para aliviar a dor.

Así poderiamos iniciar unha obra de teatro ben extensa que se titulase «Diario dunha gorda». A gordofobia consiste en rexeitar, discriminar e excluír a xente gorda polo simple feito de ser, tomando como referencia prexuízos sobre os hábitos que poidan ter, invitando a pensar que se trata de xente covarde, egoísta ou vaga. O peor de todo non é o que o pense a veciña cando te ve baixando o lixo e asegura que dentro desa bolsa hai pouco máis que restos de comida rápida; ou o monitor do ximnasio cando na primeira sesión empeza por facerche un dietario, porque con ese peso poucas actividades podes facer. A aversión polas persoas «con exceso de peso» é estrutural, está instaurada e enquistada no sistema. Non hai persoas gordas nos medios públicos, na cultura ou en moitos postos de traballo —estudos de diferentes universidades de Australia, Colombia, México ou España destacan que o peso é un factor clave de exclusión laboral—. É unha das principais ferramentas da violencia estética, que ditamina como se debe vestir, como se debe lucir e como se debe vivir.

Precisamente por estar normalizada, atopamos (e padecemos) a gordofobia desde a infancia máis pura, con comentarios como: «non vas saír ao baile da escola con esa camiseta, que se che ve a barriga e queda feo» ou «non comas máis torta, senón non vas coller nos columpios». E aí comezan moitos complexos físicos e importantes trastornos de conduta alimentaria (TCA) que afectarán de xeito inequívoco á saúde mental, con graves consecuencias que, no peor dos casos e máis a miúdo do que nos gustaría pensar, poden derivar en suicidio. Se non se dá coa axuda adecuada, a nivel físico pero sobre todo mental, e non se logra construír unha boa autoestima e unha relación sa co corpo, estes problemas hanse incrementar con facilidade ao longo dos anos. Unha situación que afectará a nivel físico, por considerar que non se ten a aparencia axeitada; de saúde, porque en moitas ocasións estará condicionada por dietas e exercicios que non teñen en conta as necesidades reais; e moral, xa que sentimentos como a culpa ou a vergoña serán habituais polisóns a bordo. A discriminación esténdese a todos os niveis: a accesibilidade no transporte público, o dereito de poder ir de compras sen medo ás miradas xulgadoras ou compasivas, o filtro de moitas empresas que usan a foto do currículo para facer a primeira criba… A gordura, en definitiva, chega a condicionar ata no máis básico para o ser humano: o dereito a ter relacións sexoafectivas sen medo ao rexeitamento.

Ante unha persoa gorda, a voz crítica dos prexuízos e o «eu non podería estar así, faría todo o posible para perder peso», en ningún momento se cuestiona, primeiro de todo, se goza de boa saúde. Asociamos coa enfermidade o que entendemos como sobrepeso, porque así o dita o sistema. Tampouco se reflexiona ou pregunta cal é o contexto social e económico. Esa persoa pódese permitir alimentos saudables? Pode dedicar un tempo a realizar exercicio físico? Terá problemas de ansiedade derivados de traumas pasados? Moitas veces, o factor xenético que tan rapidamente apreciamos na cor dos ollos ou na forma do nariz, parece non existir para a densidade e estrutura ósea, por exemplo. Pero hai unha escusa, poden argumentar esas voces: o (pre)xuízo está amparado polo sistema. A nivel sanitario, onde a autoridade escúdase en moitos anos de formación e experiencia, o habitual é ver na gordura a fonte de todo mal e considerar innecesarias probas que poderían descubrir realidades tan importantes coma un cancro de colon, cálculos renais ou embarazos. Un contexto, o sanitario, no que bastantes profesionais aínda diagnostican en base a un índice de masa corporal (IMC) inventado en 1832 por un matemático, astrólogo e estatístico nada interesado na saúde, que fixo esa relación entre peso e altura tomando como referencia un varón branco europeo.

Como cabe esperar, a vara da gordofobia ten maior incidencia nas mulleres. A cultura da dieta e dos patróns físicos e estéticos irreais perséguennos desde ben pequenas. Segundo as fontes consultadas, ata un 80% de pacientes en tratamento por cuestións de peso son mulleres, e a media de idade nelas é máis baixa que a dos varóns. Porén, neste punto tamén hai que ter en conta que na poboación masculina hai máis reticencia a pedir axuda e recoñecer este tipo de problemática. Xa reflexionaba Naomi Wolf no libro The Beauty Myth que unha muller podía verse máis afectada pola perda de afecto que pola forza dun puño. Porque iso é o que busca o patriarcado, unha muller obsesionada coa delgadeza e unha beleza estándar da que derivan moitas veces corpos mal alimentados, débiles, e unha inestabilidade emocional que a fan esquecer que hai uns dereitos e unhas liberdades polos que loitar. Teñamos en conta, por exemplo, que segundo informes da Cruz Vermella e de Insalum, o 80 % dos casos de TCA empeza cunha dieta.

Na outra cara da moeda, a do respecto e a empatía pola diversidade corporal, están cada vez máis asociacións que defenden a cultura do body positive no sentido máis amplo da expresión: todo corpo é válido e unicamente a persoa que o habita pode analizar se hai algo que cambiar ou non. Pode haber «conflitos corporais», pero sempre baixo o abrigo da aceptación e o amor polo continente que nos acompaña durante o camiño vital.

Especialistas consultadas

Alba Cobo, de Outro Conto

Outro Conto combina menús saborosos e saudables a domicilio e o activismo contra a cultura da dieta, a presión estética contra as mulleres e o terrorismo corporal a todos os niveis.

Rúa de Enrique Macías, 6 | outroconto.com | info@outroconto.com | 613 03 15 69 | @outrocontovigo

Rocío Portal, nutricionista

Farmacéutica e nutricionista, co paso dos anos especializouse no campo dos TCA, patoloxías dixestivas e educación nutricional. Acompaña ás pacientes no proceso de sanear a súa relación coa comida e mellorar a súa saúde desde un enfoque integral non centrado no peso.

Rúa de Urzaiz, 31, 3.º-A | rocioportalnutricion.com | info@rocioportalnutricion.com | 663 77 85 58 | @portal_nutricion

Lucía Trigo, psicóloga

REVISTA ABRIL

Psicóloga sanitaria especializada en TCA e psiconutrición. Traballa en equipo para mellorar a relación da paciente coa comida e consigo mesma.

| luciatrigopsicologia.es | info@luciatrigopsicologia.es | 680 20 57 34 | @luciatrigo_psicologia

Noelia Álvarez
Redactora